Foto: Maios no Concurso de 2012 (Imaxe: Mateo F. C.)
A festa dos maios posúe un forte vínculo cos pobos de tradición agraria, onde a natureza e os seus ciclos determinan en boa parte as condicións de vida, os pesares e as celebracións. Desde moi antigo o home prestou atención a cando a natureza rexurde, coa chegada do bo tempo e o estoupar das flores. Así, o ciclo do maio recorda o espertar da natureza, pero tamén alude ao sentimento do amor, aguilloado por estas datas, e á protección de colleitas e gando.
A A orixe deste festexo resulta incerto. Para algúns especialistas tería unha procedencia céltica, para outros habería que ter en conta as celebracións clásicas (gregas e romanas) relacionadas coa agricultura. Posteriormente, a cristianización tería unha forte influencia nesta festa ou ciclo do maio cuxas diferentes mostras por toda Europa alcanzarán un forte pulo a partir da Idade Media.
Galicia é un bo exemplo de diferentes manifestacións do ciclo do maio, témolas: agrarias, pecuarias, mariñeiras, lúdicas, amorosas, ou cristiáns. Dentro dalgunhas destas manifestacións pódense dar diferentes formas como por exemplo nas agrarias onde atopámonos co rito de alumear o pan para a protección das sementes, ou a colocación de ramos protectores nas terras de cultivo; nas manifestacións amorosas e nas cristianizadas tamén existen variantes moi curiosas: maios amorosos, enramadas, os quintos, cruces de maio, o santoral…; pero son as manifestacións lúdicas as que mellor se conservan nos noso días, e dentro destas encádrase a celebración dos maios, a cal coñecemos mellor por ser a que se dá na nosa cidade.
Podemos diferenciar catro tipos de maios: os ramos de maio, os maios humanos, os maios figurados e as maias. Resulta de gran interese as peculiaridades de cada un, os traballos de Clodio González son moi reveladores e entretidos para coñecelos.
Pontevedra celebra unha das festas dos maios máis coñecidas e salientables de Galicia. Cara a finais do século XIX saían en dúas ocasións: o día 1 era quenda para o maio pagán coas coplas realizadas en galego, o día 3 saía o maio cristián, cuxo remate tiña forma de cruz, coas coplas interpretadas en castelán. Esta celebración entraría en decadencia a mediados do século XIX; os maios que concorrían xa non tiñan que ver cos de toda a vida –de forma cónica para Pontevedra–, tiñan estrañas figuras e estaban feitos de cartón pintado. Foi cando en 1887 o xornal O Galiciano convocou un concurso para recuperar a tradición. A este concurso seguiríanlle outros a cargo de La Correspondencia Gallega ou a Cruz Vermella. Trala Guerra Civil a festa entraría nun novo declive na década dos 60 ata que en 1972 xurdiu un novo concurso auspiciado pola asociación Amigos da Cultura. Na actualidade é o concello quen leva adiante o tradicional festexo.
Entre os materiais para a realización dos maios encóntranse aros de barril de diferente diámetro, canas delgadas, agullas ou instrumentos máis modernos como arame ou cordel. Os compoñentes que darán materialidade ao maio son o manto vexetal de fiúncho e mais os adobíos: feixes de pampillos, laranxas, ovos baleirados previamente, margaridas, calas, rosas e camelias serían os materiais máis tradicionais. A estrutura é piramidal con base cadrada e andas feitas con varas paralelas na base. O maio soe ir acompañado por unha coroa feita cun pau longo onde deséñanse diferentes motivos: vexetais, xeométricos ou artísticos realizados cos mesmos elementos naturais.
Xunto ao maio en si mesmo, destacan a elaboración en catro versos con estrutura de romance, das coplas que se recitan durante o concurso e que soen versar sobre a chegada da primavera, o esforzo que deu a realización do maio ou, as que máis, de crítica social. Do grupo de rapaces que cantan, un deles situarase debaixo do maio e os demais, arredor do cono vexetal, baterán os paus con que acompañan o seu canto. O rapaz ou rapaza de dentro do maio canta cun ritmo lento mentres os da roda están parados. Ao rematar, os da roda baten os paus e despois lévanos aos ombreiros para comezar a xirar arredor do maio ao tempo que repiten a copla con un ritmo máis rápido. Despois volven a bater os paus e detéñense. Esta é a forma tradicional de interpretar a copla, aínda que pode darse algunha variante.
Fai anos existían moitos maios vinculados a diferentes barrios da cidade e incluso viñan de outras localidades. Na actualidade son colexios e asociacións culturais ou veciñais as que concorren ao concurso na Ferrería o día 1 de Maio.
Para saber máis:
– GONZÁLEZ PÉREZ, C.: A festa dos maios en Galicia, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1989.
– GONZÁLEZ PÉREZ, C.: A festa dos maios, Colección Raigame, Nº 1, Ir Indo, Vigo, 1989.
– LÓPEZ DE SOTO, X.: Os maios en Pontevedra entre 1848 e 1853, Casal de Edicións, Pontevedra, 1992.
– MORGADE MARTÍNEZ, X. C.: A festa dos maios en Pontevedra, Ed. Concellería de Dinamización Sociocultural. Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2009.