A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

Foto: Imaxe: http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com.es/2011/04/coral-polifonica-de-pontevedra.html

Vense de celebrar o 90 aniversario da fundación da Polifónica de Pontevedra cun belido concerto na igrexa conventual de San Francisco o pasado día 9 de abril. Foi nese mesmo escenario onde iniciou a súa andadura un Xoves Santo, tamén 9 de abril, de 1925. Ao día seguinte daría outro concerto en Santa María.

A Polifónica é unha desas institucións das que os pontevedreses deberían sentirse orgullosos ao mesmo tempo que presumir dela. A Pontevedra que a viu nacer, a dos anos 20 do pasado século, foi berce de moitas iniciativas de carácter cultural debido, entre outros factores, a unha profusa nómina de intelectuais de excepcional valía que conduciron as súas arelas e inquietudes a potenciar os valores culturais da cidade e de Galicia. Exemplo disto foi a traída da Misión Biolóxica, a fundación do Museo Provincial ou a propia creación da Coral Polifónica, entre outras. Foi unha época esplendorosa aquela, alomenos no senso cultural, coa Diputación presidida por De la Sota e os talentos que se atopaban pola cidade de Teucro.

Varios destes intelectuais coincidirán en iniciativas, moitas delas de carácter galeguista, unindo forzas. Así, na creación da Polifónica interviñeron personaxes tales como: Losada Dieguez, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle, Castelao, De la Sota, Alexandre Bóveda, etc. A pretensión de Castelao de fundar un Teatro de Arte para Galicia e a actividade dos membros do club Karepas foron factores que puxeron os alicerces dunha entidade que habería de converterse nun embaixador da cidade e un referente musical dentro e fora de Galicia.

Foto: Emblema da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

A finais do século XIX a música coral europea cobra renovada forza baixo o influxo do cecilianismo. A Polifónica pontevedresa adscríbese a este movemento musical na súa maneira de executar as obras, reivindicando unha interpretación da antiga música sacra e facéndoa inspiración para as novas creacións. O repertorio da Polifónica móstrase rico e variado: música medieval; música relixiosa; polifonía profana; cancións populares galegas, e tamén non galegas, harmonizadas; outras composicións clásicas e tamén estreas, aspecto este último debido ao traballo e sensibilidade dos seus directores. Ao primeiro deles, Antonio Blanco Porto, debémoslle a harmonización do afamado tema «Se vas a San Benitiño». Isto supoñía unha formulación novidosa para a época; a nosa Coral nada tiña que envexar a outras europeas e de grandes cidades, e mesmo a súa influencia chegaría a distintas formacións musicais.

Varios destes intelectuais coincidirán en iniciativas, moitas delas de carácter galeguista, unindo forzas. Así, na creación da Polifónica interviñeron personaxes tales como: Losada Dieguez, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle, Castelao, De la Sota, Alexandre Bóveda, etc. A pretensión de Castelao de fundar un Teatro de Arte para Galicia.

Foto: Imaxe: http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com.es/2011/04/coral-polifonica-de-pontevedra.html

A pesares de que o camiño percorrido pasou por distintos momentos e altibaixos, non cabe dúbida de que os case setecentos concertos, aquí e por varios lugares do mundo, a discografía gravada, e máis os premios recibidos dan proba dunha traxectoria de éxito. E todo conseguido por xente non profesional no ámbito da música, pero si cunha firme disposición e, en moitos casos, unha sensibilidade e talento máis que latente. Chegaron a actuar para personaxes como Alfonso XIII, o Papa Juan Pablo II ou Felipe VI, actual rei de España. Tamén actuou no polémico día do traslado dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval. En 1951 foi dirixida excepcionalmente polo británico Leopold Stokowski nun concerto na catedral de Santiago. O director de orquestra dedicou sentidas gabanzas á Coral, a elas únense varias críticas laudatorias de Otero Pedrayo, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Adolfo Salazar, Rafael Dieste, Castell, Joaquín Turina, Ribas Montenegro, Rancine Benoit, Federico Sopeña…

Co paso do tempo a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra adquire un patrimonio musical de inmenso valor, pero tamén posúe en propiedade tesouros materiais como os fondos e decorados elaborados por Castelao que foi cantor, escenógrafo e logo presidente. Estes decorados constitúen unha fermosa mostra das artes escénicas en Galicia e atópanse depositados no Museo de Pontevedra. A Castelao tamén se debe a creación do emblema da Coral, o cal ao principio ía ser a representación de San Ero de Armenteira pero ao final optouse por o Rei músico David que atopamos no pórtico da fachada de Praterías da catedral compostelá.

Chegaron a actuar para personaxes como Alfonso XIII, o Papa Juan Pablo II ou Felipe VI, actual rei de España. Tamén actuou no polémico día do traslado dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval.


Para os novos tempos, Pontevedra ten que ser consciente do valor que supón contar con agrupacións como a Polifónica, que dende a ilusión e o ideario culto fíxose forte e constitúe un dos referentes da cidade que a acolleu. De momento, a placa conmemorativa desaparecida un día na rúa Laranxo non foi reposta.

PRESIDENTES

Antonio Losada Diéguez: 1925-1929
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: 1929-1932
José Blein Llinas: 1932-1947
Vicente Riestra Calderon : 1947-1967
Augusto García Sánchez: 1967-1978
Xosé Fernando Filgueira Valverde: 1978-1996
Xosé Carlos Valle Pérez: 1996 – (actualidade)

DIRECTORES

Antonio Blanco Porto: 1925-1940
Antonio Iglesias Vilarelle: 1940-1964
Manuel Fernández Cayeiro: 1964-1967
Agustín Bertomeu Salazar:1968-1977
Jose Antonio Sánchez Rodríguez: 1977-1980
José Verea Montero: 1980-1998
Manuel Fernández Cayeiro: 1998-2007
Marlene Armentero Cutiño: 2008-2013
Nanette Sánchez Ordaz: 2013 – (actualidade)

ALGUNHAS DISTINCIÓNS

Primeira medalla de prata da cidade de Pontevedra
Medalla de Prata do Ateneo «Santa Cecilia» de Marín
Premio «Amigos de Pontevedra»
Medalla de Prata das Rutas Cicloturísticas do Románico
Colaboradora de honra da asociación Española de Periodistas y Escritores de Turismo
Premio Cidade de Pontevedra

Para saber máis:

– VV.AA.: Sociedad Coral Polifónica Pontevedra. 75 aniversario da súa fundación (1925-2000),Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2000.
– Costa Vázquez, L.: Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Unha voz na polifonía europea, libro-CD, Ouvirmos, Lugo, 2004.
– http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/tres-actos-de-un-concierto-de-90-anos.html

Comparte!!!

Relacionados