Fin de semana no Auditorio de Ourense: MITEU, Sés e Antonio Orozco

A Mostra Internacional de Teatro Universitario, con Alberto San Juan, TeatrUbi e Teatro del Barrio, versións galegas de cancións populares do século XX a cargo de Sés, e a xira Único de Antonio Orozco forman a proposta de actividades do Auditorio de Ourense para esta semana. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com ou no despacho de billetes dúas horas antes de cada actuación.

A cantante coruñesa Sés presentará este sábado (20:30h) no Auditorio o seu último traballo: “A rabia ao silencio”, cunha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor nun espectáculo acústico e íntimo no que o público poderá gozar con versións en galego de xoias musicais do século XX.

Son cancións de Atahualpa Yupanqui, Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa ou Zeca Afonso, entre outros, que foron no seu momento semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX en Europa e en América. Cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias, que serán interpretadas por María Xosé Silvar, “Sés” -voz, guitarra e percusión-, Sabela Galbán -voz, acordeón e frauta- e Tito Calviño –guitarra-. As entradas pódense adquirir a partir de 16€.

O domingo 12, chega a Ourense a xira Único, de Antonio Orozco. O cantante e compositor barcelonés suma xa máis dun millón de copias vendidas a nivel nacional desde o seu primeiro disco, editado hai xa 19 anos.

“A fame agudiza o enxeño, e ÚNICO é boa mostra diso, nacido na parte escura e difícil da vida, cun gran espírito de supervivencia e o indiscutible obxectivo de entreter os sentidos”, di Orozco. “Se algunha vez pensaches que as miñas cancións falaban de ti, entón non o penses máis, falan de ti!”, asegura. As entradas, desde 35€

Comparte!!!

Relacionados