A Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa acolleu na tarde deste xoves, 17 de xaneiro, o acto de entrega de premios da andaina fotográfica organizada pola Asociación Veciñal da Banda do Río, que se celebrou o 2 de decembro neste barrio mariñeiro. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, declarou que “son importantes estas actividades que manteñen os vínculos entre xeracións” e tamén falou da fotografía coma esa arte que nos fai pararnos diante do que temos ao redor.
Na andaina participaron unha trintena de persoas, e os premios dividíronse entre categoría junior (ata 18 anos) e senior. Ariadna Domínguez Cabanelas gañou o primeiro premio en junior, seguida de Ainhoa López Fiel e Uxía Torres Docampo, que se fixeron co segundo e terceiro respectivamente.
Na categoría adulta, os agasallados foron Juan Fernández Varela, co primeiro premio, Manuel Alonso Loriente, co segundo, e Santiago Torres Calvo, co terceiro.
Este certame, encadrado no marco do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra, propoñía tres propostas á hora de realizar as fotografías: motivos relacionados coa lingua, a cabina telefónica de Montero Ríos como ferramenta de comunicación oral e o barrio da Banda do Río en xeral.
No acto tamén estiveron presentes membros da directiva da Asociación e o concelleiro e deputado de cultura, Xosé Leal.
Todas as fotos poden verse no Facebook da Asociación Veciñal da Banda do Río: Afigueira Bandadorio.