Balance do alcalde de Pontevedra acerca do Mundial de Triatlón.

“Foi un éxito de deportivo, de público, de proxección da cidade, económico. Foi un éxito absoluto”, explicou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na valoración que fixo dos mundiais de tríatlon celebrados dende o pasado 27 de abril até o 4 de maio. “Pero o máis importante foi o sentimento de orgullo”, explicaba o alcalde, quen asegurou que a proba se viviu moi intensamente tanto na cidade como en todas as Rías Baixas, e máis aló no Salnés, en Compostela…

“Todo isto púidose facer porque temos un modelo de cidade que permite celebrar eventos destas características”, indicou Fernández Lores quen manifestou que existe “un cambio de mentalidade no uso dos espazos públicos que fai que eventos destas características se fagan con toda normalidade, que se volque toda a cidadanía, que é a percepción da xente que se achegou aquí”.

Lembrou que fai 15 ou 20 anos Pontevedra non estaba en disposición de acoller un evento similar “porque o ambiente de colaboración, participación, de sentimento dos cidadáns ante un evento que consideraban seu é positivo para a cidade; iso non se houbera podido facer desta maneira”.

Lores destacou que “o modelo urbano fai que esta cidade teña unhas características especiais que fai que sexa única no mundo e que cando se celebra un evento deste tipo o éxito sexa total e absoluto”. Recordou que houbo moitos cambios na cidade nos últimos tempos, non só físicos, “senón tamén na hostalería, na restauración… que axuda moitísimo”.

Sobre a organización do evento, o alcalde fixo un recoñecemento xenérico a todas as persoas que participaron na organización e que estiveron traballando dende fai meses para que o resultado fose “inmellorable”. Fixo extensible ese recoñecemento a sectores como o da hostalaría polo seu “exquisito traballo” ou a gran acollida que todos os veciños e veciñas de Pontevedra deron ás miles de persoas que viviron e visitaron a cidade.

A proxección exterior tamén foi outro dos eixos da súa intervención, xa que a cidade estivo no foco da prensa mundial con 70 xornalistas acreditados. E a valoración de todas as delegacións internacionais e da Federación Internacional de Tríatlon (ITU) foi común: “o mellor mundial celebrado até o de agora”, concluía o alcalde.

Fernández Lores indicou que o Concello de Pontevedra continuará facendo eventos deportivos na cidade, e xa adiantou que se candidatará para acoller a gran final das series mundiais de tríatlon para o ano 2023, que suporá recibir, ademais de todos os atletas de elite, a todas as series de idades, é dicir, arredor de 4.000 ou 5.000 persoas.

Comparte!!!

Relacionados