Asorey, Cabanelas e San Sebastián

Monumento a Cabanelas no Hospital Provincial  (Imaxe: Mateo Fontán Couto)

Nos Xardíns do Hospital Provincial de Pontevedra érguese un monumento no que conflúen tres personaxes: Asorey como o escultor que o realizou, Manuel Barreiro Cabanelas como o homenaxeado e san Sebastián que é a figura que se representa no monumento.

Francisco Asorey pasa por ser un dos máis grandes escultores que deu Galicia. Coñecido como «o escultor da raza» as súas obras levárono a ser considerado un dos artistas máis  sobranceiros na renovación escultórica española do século XX. A súa pegada na cidade do Lérez deixouna en dous magníficos monumentos: o de Manuel Quiroga Losada sito nos Xardín do Dr. Marescot e o dedicado a Cabanelas.

Manuel Barreiro Cabanelas naceu en Covelo (A Lama, Pontevedra) en 1867 e finaría no Brasil, en Río de Janeiro, en 1950. De moi novo emigra ao país suramericano onde, co paso do tempo, faría fortuna como home de negocios. Ao parecer, o inicio da guerra de 1936 sorprendeuno en Pontevedra, nunha viaxe a Galicia para visitar aos seus. Cruza entón a fronteira portuguesa e regresa a Brasil para non volver máis. Porén, o amor aos máis necesitados e a súa terra sempre foi unha constante na vida de Manuel. Adicou esforzo e gran parte do seu peculio ás obras sociais  e de axuda aos demais, tanto nas localidades onde se criou como no país brasileiro. Foi un filántropo no pleno senso da palabra: axudou a veciños e familias, fomentou o levantamento de muíños, escolas, vivendas, etc. O Hospital de Pontevedra foi un dos centros que máis se beneficiou da xenerosidade do de Covelo recibindo múltiples doazóns económicas e auspiciando o estreo de dúas salas para pacientes. O Asilo de Pontevedra tamén recibiría xenerosas contribucións. Legou gran parte da fortuna que posuía a unha fundación dependente do Asilo de Río de Janeiro: a Sociedade Recreio de Anciaos, lugar onde morrería pobremente ao coidado das  Mercedarias.

A Deputación de Pontevedra decide en 1940 encargar a Francisco Asorey un monumento adicado ao filántropo Manuel Barreiro Cabanelas. Este monumento duns 3,10 metros de altura e 100.000 pesetas de custo realizouse en granito procedente das canteiras de Pontevedra e Castrelo. Consta dunha base onde se representa o busto en relevo de Cabanelas, feito en bronce, e sobre ela a figura de san Sebastián, con 2,50 de altura, o cal parece turrar de si mesmo para liberarse da masa pétrea. O seu rostro está enchido de expresión e o corpo marcado e tenso como testemuña da forza que exerce. O feito de que a figura recorde o setamento do mártir cristián e mais que este era o patrón tanto de Pontevedra (en realidade san Sebastián é o Voto da cidade) como de Covelo, lévanos á identificación do personaxe, aínda que tamén se pensou que se trataba dunha representación alegórica da Filantropía. Nun principio o monumento foi ideado para ter un estanque pero finalmente non se levou a cabo, a súa localización cambiaría dende en fronte do hospital ata un xardín lateral onde se pode ver hoxe en día .

Para saber máis:

– DÍAS LEMA, A.: Historia del Hospital de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2002.

– GALLEGO ESPERANZA, M. de las M.: La escultura pública en Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1996, pp.72-73.

– GONZALEZ PÉREZ, E.: “D. Manuel  Barreiro Cabanelas”, Cedofeita, nº18, Pontevedra, 2014, pp.48-50.

– LARRIBA E.: “Manuel Barreiros Cabanelas, el gran benefactor del Hospital Provincial”, La Voz de Galicia, 25-1-2015.

– VILLAVERDE RUIBAL, C.: «Manuel Barreiro “O Conde Cabanelas”», A Pedreira, nº5, Pontevedra, 2007, pp. 21-34.

Comparte!!!

Relacionados