Unha instalación da mostra Experimenta Pontevedra gaña o premio Emporia

Unha das catro instalacións efémeras creadas ad hoc para participar na primeira edición de Experimenta Pontevedra-Festival de Deseño Urbano vén de recibir o premio Emporia á mellor montaxe dunha exposición efémera non itinerante que convoca o Col.legi de Dissenyadors d’Interiors i Decoradors de Catalunya e Veredictas Internacional. Trátase da obra A Muralla do Mar do estudo CUAC Arquitectura de Granada que estivo exposta na rúa Serra, fronte ao mercado.

A Muralla do Mar é unha interpretación da muralla da cidade, cuxos restos atópanse sepultos baixo a rúa Serra e que fala da proximidade da fortaleza á ribeira marítima.

Cun xurado no que hai representantes de universidades, asociacións profesionais, prensa técnica e especialistas do sector, os premios Emporia son os únicos galardóns de arquitectura efémera do Estado e teñen o afán de chegar a ser o referente da excelencia na profesións.

A cidade acolleu o pasado mes de xuño Experimenta-Pontevedra I Festival de Deseño Urbano, unha iniciativa promovida pola Concellería de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, co fin de visibilizar a transformación urbana vivida nos últimos anos, promover a difusión da imaxe do modelo Pontevedra e intervir no espazo público cunha instalación efémera que convidase ao diálogo e á reflexión.

O evento tivera como limiar a convocatoria dun concurso para seleccionar unha das catro obras da exposición de arquitectura efémera. Ao certame presentáranse 17 proxectos: tres locais, outros chegados de distintos puntos de Galiza (Santiago, A Coruña, Ourense..), do resto do Estado (Madrid, Valencia, Ponferrada) e un chegado doutro lado do Atlántico.

Os premios Emporia recoñecen aspectos construtivos e de comunicación como poden ser a relación do espazo co o seu uso, a relación entre decoración e valores de marca, as mellores solucións técnicas, a creatividade e o respecto polo medio ambiente.

Comparte!!!

Relacionados