Concello e Xunta colaboran para levar a cabo a Posta en Valor da Ponte Vella. Ourense

O Concello de Ourense acolleu este martes a sinatura do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para executar a 2ª fase do Proxecto de Posta en Valor da Ponte Vella, unha actuación que converterá este espazo nunha referencia para cidadáns e turistas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Ínsua, foron os encargados de asinar este convenio que permitirá “transformar a contorna da capela dos Remedios nunha zona aberta, deseñada para o maior confort dos usuarios e para resaltar a beleza deste conxunto monumental”.

Así o sinalou o rexedor durante este acto, que tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Mario Guede. Vázquez mostrouse convencido de que a actuación “vai converter a Ponte Romana nunha postal habitual nas redes sociais dos ourensáns e dos nosos turistas”.

As obras, cun orzamento de 1 millón de euros, contemplan conexións peonís coa contorna da Ponte Romana desde distintos puntos da cidade; actuacións sobre o mobiliario e a construción dun miradoiro. Ademais, van supoñer “dar resposta a unha vella demanda das persoas que practican deportes urbanos como skate ou BTT”, coa construción dunha nova pista na entrada da cidade en substitución da actual, xunto á Igrexa dos Remedios.

A actuación permitirá completar as obras iniciadas na primeira fase, no ano 2016 (que entre outras actuacións permitiron a pavimentación, iluminación interior e a iluminación artística da Ponte Romana), e suporá un investimento total neste punto da cidade superior a 1,5 millóns de euros.

O rexedor salientou a “colaboración incondicional da Xunta” en proxectos que están a transformar a cidade, como a recuperación das vivendas e baixos na zona histórica; en “proxectos de importante calado”, como a reforma da Avenida Otero Pedraio, da OU-105 (en Seixalbo) e outras arterias da cidade; así como na futura Estación Intermodal.

“Este impulso das infraestruturas ten un obxectivo común: devolverlle o protagonismo da cidade aos ourensáns. Queremos que recuperen os espazos públicos como puntos de encontro”, sinalou o rexedor.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou que a firma do convenio supón “un impulso definitivo par materializar este proxecto para humanizar a contorna” situada preto da Ponte Romana.

Na súa intervención, Ethel Vázquez anunciou que a licitación das obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella será no primeiro trimestre de 2019, coa intención de iniciar os traballos este verán cun investimento de un millón de euros.

Vázquez Mourelle subliñou a importancia do proxecto para facer cidade e sumar novos atractivos turísticos, anticipándose para acoller o gran acontecemento que suporá para a Comunidade Autónoma o Xacobeo 2021.

Comparte!!!

Relacionados