Cerdedo – Cotobade activa un punto Limpo Móbil que percorrerá as parroquias

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de activar un pioneiro Punto Limpo Móbil, que percorrerá as parroquias de xeito itinerante para favorecer a reciclaxe dos residuos que non van aos contedores xenéricos e que pretende achegar o servizo aos veciños aforrándolles desprazamentos ás instalacións fixas de Cerdedo.

Este proxecto, que está subvencionado polo Ministerio de Medio Ambiente e a Oficina Española do Cambio Climático, xurde de necesidade de seguir fomentando a reciclaxe de lixo ante a elevada extensión do municipio e a existencia dun único Punto Limpo fixo, emprazado na estrada de Deán, nas proximidades da localidade de Cerdedo.

Esta novidosa caseta, moi cómoda para os cidadáns, emprazarase sempre en lugares públicos, visibles e de paso dos veciños e os mesmos serán anunciados previamente na páxina web municipal.

O novo servizo vén de poñerse en marcha no núcleo da Chan, na parroquia de Carballedo, onde permanecerá por espazo de entre 15 e 20 días para que os veciños desta zona dispoñan de tempo para depositar este tipo de residuos antes de trasladarse a outro lugar.

O Punto Limpo Móbil dispón de distintas bocas para depositar residuos como vidro, aparatos eléctricos e electrónicos, como teléfonos móbiles ou pequenos electrodomésticos, ou materiais considerados perigosos como lámparas, medicamentos sólidos caducados, pilas, baterías, aerosois, tubos fluorescentes, pinturas, vernices ou aceites vexetais de uso doméstico.

Por contra, non se admitirán voluminosos como mobles, colchóns ou enseres vellos, xa que o Concello xa dispón para eles dun servizo gratuíto de recollida, sempre que se curse unha solicitude previa nas dependencias municipais.
O Concello pide a  colaboración da veciñanza con este servizo e facer un bo uso do mesmo (non abandonar voluminosos ao acrón) tendo en conta as diversas opcións gratuitas de entregar os residuos.

Comparte!!!

Relacionados