Os baños públicos da Chavasqueira pechan desde este luns por mor das obras de reforma das instalacións que se acometerán por parte da Xunta de Galicia cun orzamento superior aos 36.000 euros e que teñen un prazo de execución previsto de 45 días.
A actuación, consistirá na reforma e modernización dos interiores deste servizo, de xeito que se dea resposta ás necesidades transmitidas polos veciños e turistas usuarios das instalacións.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez pide “desculpas aos usuarios dos baños públicos da Chavasqueira polas molestias que poida supoñer o que durante mes e medio as instalacións permanezan pechadas mentres se acometen estes traballos”.
As obras suporán, entre outras actuacións: poñer un piso novo; cambiar a carpintería e os sanitarios; e adaptar os aseos a persoas con problemas de mobilidade.
A rehabilitación dos baños públicos da Chavasqueira toma o relevo das obras rematadas o pasado mes de decembro na contorna do Muíño da Veiga e que supuxeron a transformación dos seus aseos, fruto dun convenio subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia.