Cuarto ano no campo de refuxiados: desde Pontevedra a Xordania. Viaxe Solidario Xadrez Pontevedra

A viaxe foi longa, de Pontevedra cara Oporto con posterior parada técnica en Istambul e chegada á capital de Xordania, Ammán, ás 4.45 h. Superados os trámites de documentación, os primeiros nervios chegan á espera de recibir todas as maletas cos 285 quilos de material de xadrez educativo que comprobamos rápidamente que chegan en perfecto estado.

Outros 380 quilos con Manuais de xadrez de elaboración propia e traducidos ao árabe, foron enviados os días previos para ser recollidos á nosa chegada.

Nas nosas primeiras horas en Xordania recibimos unha agarimosa benvida por parte do Royal Jordanian Chess Clube e da Federación Xordana. Compartimos uns tés e unhas partidas, comprobando o alto nivel e, sobre todo, o interese polo xadrez, de moitos dos xogadores e xogadoras do club. Acompáñanos entre outros, o Gran Mestre ucraíno Yuri Kruppa e o Mestre Internacional inglés Andrew Norton. Mostran emoción e interese polo proxecto e ábrense liñas de colaboración futuras.

Chegada ao Campamento de Azraq

Tras 45 minutos de viaxe desde Zarqa (onde estamos instalados) a Azraq, unha inevitable sensación de tristeza invádenos ao chegar. Por unha banda, a dureza do deserto e a situación de miles de persoas refuxiadas esquecidas polo sistema. Por outro, o compromiso de poder axudar en algo (por pouco que sexa) e transmitir o apoio de todas as persoas e centros educativos que colaboran con este proxecto.

Comezamos as clases no campamento coñecendo a Vila 6 de Unicef. Repartímonos os 7 integrantes do equipo de voluntarios en 3 grupos, onde traballamos con alumnado de distintos grupos de idade: de 6-9, 9-12 e 13-18 anos.

Gozamos compartindo a xornada cun total de 257 nenos e nenas que se iniciaban en xadrez, posto que as dimensións do campamento fan imposible chegar a todos os centros.

Desenvolvemos distintas actividades en interior e exterior, entregando para finalizar a alumnado e docentes o Manual e un xogo que elaboraron con material reciclado.

Quedamos, como sempre, coa inocencia de todos eles, que nas peores circunstancias ofrécennos o seu mellor sorriso.

Comparte!!!

Relacionados