As Confrarías da Semana Santa de Pontevedra

Foto: Unha antiga imaxe da Procesión do Encontro na Praza do Teucro.

A Semana Santa pontevedresa posúe unha antiga historia que se remonta á Baixa Idade Media –temos referencia documental dende 1351–; ao longo do tempo acadou moito protagonismo nas celebracións da nosa cidade e chegou a ser motivo de «célebres» preitos no seo das confrarías e outras moitas anécdotas que converxían coas procesións e os cultos litúrxicos.

Decaería o antigo cerimonial da Semana Santa en Pontevedra cada vez máis, ata o punto de que en 1934 tan só celebrábase a Procesión do Santo Enterro. É a partir de 1949 cando podemos falar da actual Semana Santa que posúe a cidade do Lérez. Foi grazas a iniciativa dun grupo de entusiastas os cales pretendían recuperar o esplendor das antigas procesións; de entre estes destacou a figura de José Luís Pintos Fonseca, artista e sacerdote pontevedrés que liderou o rescate das vellas imaxes realizando labores de restauración e repinte das mesmas ao tempo que deseñaba mantos para Virxes e clámides cristíferas.

Habería moito que falar da historia e consolidación da Semana Santa pontevedresa, así como das circunstancias e aspectos que a envolven. A Semana Santa supón todo un mundo en si mesma. Noutras latitudes provoca ríos de tinta arredor dela e a afluencia de miles de turistas para contemplala. Pontevedra posúe unha Semana Santa de carácter máis intimo, pero de interese. Falarei, moi sucintamente, das sete confrarías actuais que a conforman e as imaxes que acompañan.

Foto: O Paso do Ecce Homo pola rúa Michelena.

 

  • Confraría da Vera Cruz e Misericordia: Fundada en 1949, unindo dúas antigas congregacións procesionais, é a decana das confrarías pontevedresas. Os seus membros visten luvas, capa e hábito negro con cíngulo morado, capuz morado sobre o que vai a cruz latina de cor verde musgo, emblema da confraría. Os nazarenos portan farois. Dende 2014 acompañan o Luns Santo ao Cristo das Caídas conservado no convento de Santa Clara  e que só se pode ver durante a Coresma e a Semana Santa, permanecendo no claustro do convento o resto do ano. O Xoves Santo escoltan os pasos do Cristo da Expiración, depósito do Museo Provincial no convento de Santa Clara, e a Virxe da Soidade realizada por Maximino Magariños en 1923; esta imaxe, ao culto en San Bartolomeu, tamén sae na procesión do Encontro na mañá do Venres Santo. Na procesión do Santo Enterro do Venres Santo a Confraría porta á Virxe da Misericordia, tamén coñecida como a «Virxe do Hospital», baixo palio de oito varais. No Domingo de Pascua acompañan dende 2014 á imaxe do Resucitado, obra de Darío Fernández (2004), propiedade da confraría de Nosa Señora do Amor Fermoso.

 

 

  • Confraría do Noso Pai Xesús coa Cruz ao Lombo: Fundouse o 31 de Marzo de 1949 baixo o nome de Noso Pai Xesús Caido que daría lugar a actual denominación. Visten túnica de cor marfil; luvas, cinta de raso, e capuz negros e capa de raso vermella. Os membros portan farois. O emblema, sobre o capuz, representa á imaxe titular de Xesús coa Cruz ao Lombo rodeado por unha coroa de loureiro da que sobresaen os catro brazos da cruz. Na Procesión dos Pasos de Xoves Santo escoltan á referida imaxe de Xesús coa Cruz ao Lombo, realizada en 1952 por José Puente Otero a semellanza do Paso zamorano Camiño do Gólgota, do gran imaxineiro valenciano Mariano Benlliure; esta imaxe é protagonista, xunto a Virxe da Soidade, na Procesión do Encontro na mañá do Venres Santo. Xa pola noite do Venres a confraría acompaña ao Cristo Xacente conservado durante o ano en San Francisco, obra de Joan Carrera i Dellunder en 1915, polo que este ano cúmprese o centenario da súa realización.

 

Foto: Alzada da Virxe da Misericordia diante da Peregrina. (Imaxe: Pedro Giménez Domínguez).

 

  • Confraría do Noso Pai Xesús do Silencio: Foi no ano 1952 cando se fundou esta confraría por un grupo de pontevedreses estudantes en Santiago de Compostela. Por isto, o seu emblema é a Cruz de Santiago, portada no lado esquerdo da capa dos nazarenos. Visten túnica negra; cíngulo, capuz e luvas brancas e capa de cor dourada. No Martes Santo saen en procesión xunto a imaxe de Xesús Nazareno, obra dos irmáns Rivas en 1956. Anteriormente era a imaxe da capeliña da rúa Tetuán a que se sacaba nesta procesión, á cal tamén acode invitada a Confraría da Nosa Nai da Maior Dor, acompañando á Virxe da Esperanza, tamén saída do taller compostelá dos irmáns Rivas en 1958. O Xoves Santo a Confraría do Silencio acompaña aos Pasos de Xesús Cativo –mesma imaxe que o martes pero con túnica branca– e a Flaxelación, xunto coa Orde Franciscana Segrar. O grupo escultórico da Flaxelación composto por a figura de Cristo, ao culto en San Francisco, e dous saións é obra de Enrique Carballido de 1929. Para o Venres Santo, esta confraría saca a rúa un belido paso de palio levando a Nosa Señora das Angustias, imaxe do século XIX conservada na Basílica de Santa María, obra de Juán Manuel Magariños Blanco.

 

  • A. C. R. Confraría do Espírito Santo: Fundada polo polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde en 1952. Coñecida como «Confraría do Instituto» debido a que os seus membros eran estudantes e ex estudantes do antigo Instituto Masculino de Pontevedra, os seus estatutos aprobaranse en 1953. O hábito está composto por túnica granate, cinto de esparto, capuz, luvas, e máis capa branca. O emblema desta confraría –na que un alto número de membros desfilan descalzos– representa unha cruz flordelisada coas siglas IP (Instituto Pontevedra) no medio. Os seus membros portan fachóns eléctricos. No Xoves Santo sacan polas rúas o paso do Ecce Homo, coñecido como «Noso Señor da Canela», representando o momento da Coroación de Espiñas. A imaxe exposta ao culto durante o ano na Igrexa de Santiago de O Burgo, é unha lograda replica feita por Manuel Delgado Gambino de outra  conservada no Museo Provincial que saíu en procesión ata 2008; é esta unha das máis antigas tallas da Semana Santa pontevedresa (S. XVII) atribuída a Estebo Cendón Buceta. Na Procesión do Santo Enterro acompañan, dende 2001, á Santa Cruz; antes escoltaban á reliquia do Lignum Crucis que pecha a procesión no Venres Santo.

 

  • Confraría da Nosa Nai da Maior Dor e Angustias e Noso Pai Xesús do Encontro:  Foi fundada en 1956, disolvida en 1967, e volveu a fundarse no ano 1984. Esta confraría, formada exclusivamente por mulleres, viste dende 1998 con uniformidade hábito negro con mantilla e luvas negras. Seu emblema fórmano unha cruz sobre a que está un corazón atravesado por un puñal. As confrades portan o escapulario da irmandade máis rosario e candea. É a confraría que maior número de saídas procesionais realiza: o Martes Santo acompaña á Virxe da Esperanza; en 1994 recuperaron para o Mércores Santo a Procesión da Santísima Virxe da Soidade e Xesús coa Cruz ao Lombo, a primeira, de finais do XIX, exponse en Santa María namentres que a imaxe de Cristo, de 1956, e obra de Aldrey; O Xoves Santo poñen na rúa o paso da Santa Cea, conxunto de moita tradición na cidade –tamén saía polo Corpus– recuperado no ano 2000; para a Procesión Xeral do Santo Enterro concorren coas imaxes de Nosa Señora da Maior Dor, tamén obra de Aldrey en 1956, e o San Xoán de José Puente Otero realizado cara 1950, o cal volve a saír no Domingo de Pascua.

 

  • Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso: Afincada na Parroquia de San Xosé de Campolongo, fundouse en 1997 saíndo en procesión por primeira vez en 1998. Os confrades visten túnica e capuz de cor morada (branco para o Domingo de Resurrección) con capa de raso branca, tamén brancas son as luvas e o cíngulo. O emblema mariano coas letras A M rematado por unha coroa vai no capuz. Os confrades levan farois. Para o Xoves Santo portan o paso da Oración no Horto, cedido pola Xunta Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra, que está formado polas figuras de Cristo, imaxe do século XVIII que procede do antigo Paso da Cruz ao Lombo, e o Anxo tallado en 1953 polos irmáns Rivas. No Venres Santo sae a imaxe que da nome a confraría: Nosa Señora do Amor Fermoso, obra de 1998 que tamén sae o Domingo de Resurrección –con outro manto e outra expresión– na procesión a cargo da confraría na que se reúnen a imaxe do Resucitado, realizada por Darío Fernández en 2004, a da Virxe e a do San Xoán. Non cabe dúbida de que esta xove confraría pontevedresa supuxo un pulo na incorporación de novos aspectos da Semana Santa da cidade.

 

  • Confraría do Corpo Santo: Vinculada ao Gremio de Mareantes, trátase da confraría con maior sabor mariñeiro da cidade. Refundiuse por primeira vez en 1924 ata 1932, a segunda refundición produciríase en 2008. O traxe penitencial inspírase nun dos patróns do gremio: San Telmo, e componse de hábito dominico, esclavina e capa de veludo negro con caparuza e bordado dourado. Levan o emblema do Gremio de Mareantes: dous remos sobre unha áncora e as figuras de San Miguel e Teucro aos lados. Os membros portan fachóns eléctricos. Participa nas procesións do Xoves e o Venres Santo. Na primeira acompaña ao paso de Xesús Atado á Columna, imaxe de considerable antigüidade (pode ser da transición do século XVI ao XVII), conservada na Basílica de Santa María; na segunda escoltan ao emblemático Cristo Crucificado, obra do século XVIII da escola compostelá, tamén sito en Santa María.   

Para finalizar recordar á primeira das imaxes que saen na Semana Santa de Pontevedra: Xesús Entrando en Xerusalén, máis coñecida como a «Borriquita». Obra de 1950 realizada por Manuel Miranda. Protagoniza a Procesión de Palmas e Ramos na que os máis cativos zorregan á imaxe do asno cos seus ramos de oliveira e as súas palmas.

 

Para saber máis:

– AGEITOS MIGUEZ, J. L.: “Pontevedra”, en La Semana Santa en Galicia, Vol. III, Hercules de Ediciones, A Coruña, 2008, pp. 17-91.

– FERNÁNDEZ- VILLAMIL Y ALEGRE, E.: “La Semana Mayor de la antigua Pontevedra”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo VII, Santiago de Compostela, 1952. O mesmo texto pódese atopar en separata de El Museo de Pontevedra, 1952.

Pasión en Pontevedra. Historia de la Semana Santa. Documental, edita Junta Coordinadora de la Semana Santa, Pontevedra, 2010. (Dispoñible en YouTube).

Comparte!!!

Relacionados