Anúnciase a esperada licitación das obras do Museo Arqueolóxico. Ourense

Por fin, un dos proxectos máis agardados pola cidade de Ourense comeza a ver a súa consecución, logo da publicación hoxe mesmo, na plataforma de contratación do sector público, do anuncio de licitación e pliego das obras do Museo Arqueolóxico, cun importe total de 12.246.860,33 euros, e un orzamento do proxecto cifrado en 10.121.372,17 euros.

Lembra o rexedor ourensán que o desbloqueo deste proxecto foi un dos seus máximos compromisos neste mandato municipal, “algo no que traballamos desde o primeiro intre”, rememorando que foi preciso “apelar e convencer aos diferentes responsables do Ministerio da necesidade de executar estas obras, facendo todo o que estivo na nosa man, como o feito de desbloquear todo o relativo ao Museo Arqueolóxico, para poder dar unha licencia que levaba e levaría morta demasiado tempo sen que ningún goberno se preocupase por desbloqueala”.

Foi o pasado 18 de setembro cando o Goberno Municipal concedeu a licencia de obra para executar estas obras, dando así resposta ao compromiso adquirido polo Grupo de Goberno para desbloquear unha obra que estaba pendente dende o ano 2002. Nos últimos tres anos déronse pasos importantes como a modificación puntual do PERI en tempo récord para poder realizar o proxecto, a posterior concesión de licenza e o seu traslado ao Ministerio de Cultura para a súa licitación por parte do Estado, momento que chegou precisamente hoxe.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, agradece ao Ministerio de Cultura, e fundamentalmente ao subsecretario do Ministerio de Cultura y Deporte, Javier García Fernández, quen respondeu por escrito en decembro á carta remitida polo alcalde de Ourense o pasado 26 de novembro, solicitando información sobre os proxectos pendientes: A Biblioteca, o Arquivo Provincial e o Museo Arqueolóxico, que suporán investimentos por 36 millóns de euros por parte do Ministerio de Cultura en Ourense.

Respecto ao Museo Arqueolóxico, informaba daquela o alto cargo ministerial que os pliegos para a licitación da obra (calculada en máis de 12 millóns de euros) xa foran redactados e estaban sendo informados pola Abogacía del Estado e avanzaba que a previsión era que durante o mes de xaneiro fora publicado o concurso público. Ademais, tamén informaba que en abril esté instalado o mobiliario da Biblioteca Pública do complexo de San Francisco para que a Xunta poida trasladar fondos e persoal e proceder á súa apertura, poñendo así a disposición da cidadanía outra das grandes infraestruturas culturais da cidade .

Comparte!!!

Relacionados