Co paso dos anos, a memoria, as tradicións e os costumes dos pobos vanse perdendo. Evitar que se perda este patrimonio e recuperar e manter vivos estes recordos é o obxectivo do Museo Etnográfico de Loiro.
Esta iniciativa nace conxuntamente da vontade institucional do Concello de Barbadas e do empeño dos veciños por conservar a memoria deste pobo e con ela trátase tamén de rememorar a vida cotiá do Século XX a través dos obxectos cedidos polos veciños e que a Asociación Cultural “Loiro na Memoria” encargouse de recompilar, restaurar e clasificar creando así un entorno no que se reflicte a vida cotiá e os costumes do rural galego.
O percorrido reproduce na súa primeira parte a vida no fogar. As distintas cociñas, e o dormitorio recórdannos unha forma de vida moi presente aínda na memoria colectiva. Aquí recórdanse algunhas profesións como as modistas, as lavandeiras e os cazadores.
A continuación os traballos do campo toman protagonismo e entre os aparellos de labranza recórdanse tamén ás leiteiras, carpinteiros e zapateiros.
Inclúese tamén un apartado dedicado á escola, as tendas e os ritos relixiosos que conformaban o tempo que non estaba dedicado ao traballo ou ao fogar.
Todo isto vai acompañado dunha exposición de mais de 400 fotográfias que mostra a evolución na forma de vestir e nos costumes sociais e que pretende converterse nunha homenaxe aos antepasados dos veciños de Loiro.