Mellora na eficiencia enerxética dos paseos turísticos – termais. Ourense

Foto©Porgaliciabaixo

Os paseos turístico-termais nas ribeiras do Miño contarán cunha mellora da iluminación e da eficiencia enerxética grazas ao investimento de 48.000 euros contemplado no marco do Plan de Cooperación Provincial da Deputación de Ourense. Destinado a darlle valor a un dos nosos potenciais turísticos e de lecer e mellorar a experiencia dos usuarios, a reforma da instalación consistirá no subministro e instalación de novas luminarias viarias pechadas, de tecnoloxía LED, coa que se persegue ademais unha mellora ambiental mediante a redución de gases de efecto invernadoiro e un aforro económico importante.

“A colaboración institucional coa Deputación, que tamén se está a plasmar na mellora dos viais da Farixa e de Mariñamansa”, sinala Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, “permítenos darlle resposta ás necesidades da nosa veciñanza, ao tempo que impulsamos o noso potencial termal e a práctica de hábitos saudables”. Con esta nova iluminación non haberá zonas escuras no paseo, o que axudará a garantir a seguridade nas instalacións de lecer: un total de 1,8 quilómetros entre ambos paseos polos que moitos e moitas ourensás adoitan facer deporte en horario nocturno.

“En resumo, melloramos a seguridade e a comodidade dos usuarios dunha zona que cada vez é máis visitada polas persoas que nos visitan atraídos pola nosa oferta única en termalismo”, sinala o rexedor.

Estas actuacións de mellora na zona veñen complementar ás xa executadas pola Xunta de Galicia, por valor de 75.000 euros no recinto de calistenia do Parque de Santiago (na contorna do Tinteiro) e na mellora dos baños do espazo termal do Muíño da Veiga. O total do investido na contorna termal da nosa cidade ascende a 132.000 euros

Comparte!!!

Relacionados