Teatro, Música e Humor. Esta semana no Auditorio de Ourense

  • MALO SERÁ!

    Xoves 7 de febreiro, 20:30 horas. Auditorio. Entradas desde 10 euros.

Un programa de humor gravado nos grandes teatros de Galicia, con público en directo. Malo será! quere facernos rir cunha sucesión de sketches sobre temas universais mesturados con chiscadelas ás distintas localidades onde actúa, e protagonizados por un elenco de actores e actrices galegas recoñecidos polas súas actuacións en programas televisivos e conducidos por Marta Doviro.

Unha banda de música en directo e unha vistosa escenografía completan os argumentos dunha oportunidade única para achegar a televisión e o humor.

  • LUZ CASAL: ‘Que corra el aire’

    Venres 8 de febreiro, 20:30 horas. Auditorio. Entradas desde 44 euros.

Luz Casal presenta o seu novo álbum, Que corra el aire, dez novas cancións e unha pequena homenaxe no primeiro disco gravado e mesturado integramente no noso país, producido por Ricky Falkner. Un disco que, como a propia artista di, “entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o meu presente”.

Ademais de presentar as súas novas cancións, fará un repaso polos seus grandes éxitos. Un espectáculo que vai satisfacer os seus seguidores máis fieis e sorprenderá a todos aqueles que aman a boa música.

  • PATAPATÚM, de Elefante Elegante

    Domingo 10, 12:00 horas. Auditorio. 3 a 8 anos. Entradas, 3 euros.

Unha montaña de agasallos sobre o escenario: Grandes, pequenos, lixeiros, pesados, verdes, laranxas, cadrados e redondos! Os máis pequenos non dan feito entre tanto xoguete. E os adultos, atados pola espiral do tempo, non son quen de facer un oco na súa axenda para compartilos.

Patapatúm é a reflexión do Elefante Elegante sobre o tempo, a crianza e como enchemos os baleiros das nosas ausencias. Un espectáculo de teatro visual, sen palabras, para público infantil e familiar a partir de 3 anos. Cunha banda sonora inspirada na música dixie, a máscara e o xogo físico propician un universo cómico que viaxa dende o realismo ata a hipérbole da nosa vida cotiá.

Comparte!!!

Relacionados