Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Xustiza Social, o Concello de Ourense presenta na rúa do Paseo a exposición “20 anos a Fondo coa Solidariedade”. A mostra poderá visitarse até o 25 de febreiro e pretende dar a coñecer as dúas décadas de traballo do Fondo Galego de Cooperación, en beneficio do desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo.
A inauguración oficial correu a cargo da concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy e do representante do Fondo Galego de Cooperación en Ourense, Daniel Fernández, e contou con presenza de membros do consistorio.
Tamén asistiron cinco traballadores municipais que nos últimos anos realizaron actividades solidarias a través deste órgano de cooperación. Os funcionarios participaron en accións relacionadas co desenvolvemento do Turismo, Medio Ambiente, proxectos de Muller ou fiscalidade municipal en concellos de Mozambique, Cabo Verde e Nicaragua.
A exposición consta de cinco grandes cubos de catro caras, que foron ilustrados polo creador dos Bolechas, Pepe Carreiro. Os expositores fan un repaso pola orixe do Fondo Galego e dan a coñecer os proxectos postos en marcha nestes 20 anos, así como as actividades de sensibilización realizadas en Galicia.
“Trátase dunha mostra fundamental para reivindicar as labores de solidariedade do Concello, a través do Fondo Galego de Cooperación, cos países que precisan da nosa axuda e asesoramento. Pero sobre todo é unha oportunidade para concienciar aos ourensáns e para incentivar a súa colaboración con proxectos que axudan a mellorar o día a día das persoas que viven nos países máis desfavorecidos”, destaca a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy.
Ao longo do pasado ano o Concello de Ourense participou en importantes proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en diversos países de África e América Latina.
En Mozambique desenvolveuse un programa coa Fundaçao Encontro, para previr doenzas e edicións na mocidade a través do deporte. Tamén se deu continuación a un proxecto para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga na localidade de Nhamayábue.
En materia de abastecemento ademais avanzáronse proxectos para mellorar o acceso á auga en Guinea-Bissau, en colaboración con ACPP (Asamblea de Cooperación por la Paz) e para fortalecer a xestión do abastecemento en Honduras, con ESF.
En Guatemala, o Concello de Ourense colaborou con Interred nun proxecto para favorecer unha educación integral en sexualidade.
Para o ano 2019 o Fondo realizará novos proxectos de cooperación directa con municipios mozambicanos e caboverdianos. Tamén reservará unha partida de emerxencia como a que no ano 2018 permitiu mellorar as condicións dun centro de acollida de menores en Maputo e construír vivendas tras o terremoto de Guatemala.