Ourense entre as 8 cidades elixidas por Renfe para a súa campaña “Escapadas de inverno”

A cidade de Ourense será un dos oito destinos protagonistas da campaña “Escapadas de invierno, que a partires de mañá e durante espazo dun mes porá en marcha Renfe para incentivar escapadas desde Madrid a outras capitais españolas que considera de interese turístico.

Así, desde o 21 de febreiro até o 21 de marzo, a compañía ofrece a oportunidade de visitar oito capitais do Norte de España en trenes AVE ou Larga Distancia con prezos un 70% por debaixo do habitual.

A cidade das Burgas é unha das oito localidades elixidas nesta campaña por Renfe, polo seu especial atractivo turístico, xunto a Bilbao, Gijón, León, Pamplona, San Sebastián, Vitoria e Vigo. O prezo dos billetes desde Madrid para esta “Escapada de inverno” cara a nosa cidade, será a partires dos 19 euros. Renfe ofrecerá información sobre esta campaña a través da súa web (Renfe.com) e redes sociais a partires do 21 de febreiro.

Para o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, a inclusión da cidade neste programa de Renfe demostra que “estamos a facer ben as cousas, a través de campañas de promoción nos principais eventos turísticos como Fitur ou a Feria de Turismo de Interior Intur, así como con actividades puntuais que están a situar Ourense como un dos destinos de moda no noso país”.

Para o rexedor ourensán, as Escapadas de Inverno serán “unha ocasión única para descubrir que Ourense non é un destino calquera, senón unha forma de vivir e unha experiencia que permite aos nosos visitantes desconectar de todo”.

Pero ademais destaca Jesús Vázquez Abad a oportunidade de que “poidan descubrir Ourense nun dos seus mellores momentos do ano, no que se combinan as posibilidades do termalismo co Entroido, unha das festas que máis definen o noso carácter de cidade aberta e chea de tradicións”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, destaca que o feito de “que sexamos unha das oito cidades seleccionadas por Renfe nesta campaña vén ratificar o traballo de posicionamento que realizamos día a día desde a Concellería de Turismo e Termalismo para situar a Ourense como un destino atractivo e repleto de oportunidades para os nosos visitantes”.

“Ourense ofrece unha oportunidade única en España como destino turístico termal, para que os nosos visitantes ademais dos recursos termais poidan combinar experiencias cos recursos naturais de que dispomos: Gastronomía, Cultura e Patrimonio”, conclúe Jorge Pumar.

Comparte!!!

Relacionados