Campaña turística ‘deXconectar’ na Capital Termal. Ourense

Coincidindo co inicio da tempada alta, a Concellería de Turismo e Termalismo está a desenvolver accións de difusión e promoción turística en diferentes mercados obxectivos do destino Ourense. A campaña céntrase en presentar a nosa cidade coma un “destino onde deXconectar”, seguindo o lema presentado en FITUR a comezos de ano. Contempla accións publicitarias na Rede Nacional de Paradores, RENFE e Air Europa, todas con publicacións propias nas que Ourense estará presente nos meses de abril, maio e xuño.

“Trátase dunha campaña na que facemos unha promoción por obxectivos moi definidos”, afirma o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar. “Empregamos todas as canles ao noso alcance para chegar a públicos moi definidos, en coherencia co que xa presentamos no seu día en Fitur”, di, “para lograr que Ourense sexa visible como destino en calquera época do ano”.

O público obxectivo desta campaña é tanto o turista nacional coma estranxeiro: usuarios das Liñas de Alta Velocidade de RENFE -aproveitando a conectividade de Ourense a través deste medio- e nos vos de Air Europa -que opera nos tres aeroportos galegos- e hóspedes da Rede de Paradores, fundamentalmente visitantes de fóra de España. A campaña inclúe tamén publicidade exterior centrada en Santiago de Compostela -mobiliario urbano- para aproveitar o tráfico de turistas rexistrados na capital xacobea en Semana Santa, e con reforzo na cidade de Lugo.

Así mesmo, e enfocado no mercado de proximidade -Galicia, Castela León, Asturias- desenvolveranse accións de promoción en redes sociais destinadas a dar a coñecer as distintas propostas de actividades en torno á ponte do 1 de maio e á festa dos Maios, declarada de interese turístico, e que coinciden no tempo con citas culturais coma o Festival de Jazz de Primavera, a Feira de Artesanía ou a MITEU.

Horarios da oficina de turismo_ Perante a previsión de incremento de visitantes durante Semana Santa, a Oficina Municipal de Turismo amplía os seus horarios, mantendo apertura de mañá e tarde todos os días festivos: xoves 18, venres 19 e sábado 20, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas; o domingo 21, de 11:00 a 14:00 horas. O resto da semana, manterá o seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:00 a 20:00 horas.

O Centro de Interpretación das Burgas, así como a piscina termal, tamén manterán os seus horarios habitual nas datas festivas

Comparte!!!

Relacionados