Foto: Wikipedia // Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)
Félix Juncal, alcalde de Bueu, remitiu este luns un escrito dirixido a Ana Belén Do Campo, Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, na que solicita que se reconsidere a decisión de aplicar as restricións do cupo de visitantes ás familias de Ons e ao seu entorno. Esta petición acordouse na reunión mantida o pasado venres cos illáns e illás, na que o goberno local mostrou todo o apoio ás súas demandas e explicou os pasos dados desde o Concello de Bueu con respecto á Illa de Ons.
A reunión, na que estiveron presentes outros edís municipais, convocouse debido á preocupación xeralizada por parte da veciñanza pola aplicación do cupo e ante a xuntanza mantida entre a Dirección Xeral, Parques Nacionais e un grupo reducido de persoas hai dúas semanas. Juncal recorda no escrito algunhas das últimas iniciativas do Concello, como a reunión de comezos do pasado ano na que a Directora Xeral se comprometera a que o entorno familiar, non só a familia directa, quedase exento do cupo xeral de visitantes diario, así como a remisión dun escrito de alegacións ou a solicitude de reunión para aclarar a xestión do cupo e do Plan Rector de Usos e Xestión (PRUX) da que o Concello non obtivo resposta.
O alcalde acordou coa veciñanza unha próxima reunión, que se celebrará o 22 de abril ás 18.30 h no Centro Social do Mar. Polo tanto, o rexedor solicita que a Dirección Xeral aclare o asunto do cupo e a xestión para as familias e entorno da veciñanza da Illa e que convoque a reunión solicitada para abordar tamén outras cuestións de interese.