O patrimonio literario e musical segue a consolidarse como un gran atractivo para os visitantes de Celanova

Foto: Visita á Casa dos Poetas da Asociación cultural Bidueiro de Vigo.

O balance de actividade da Fundación Curros Enríquez durante o ano 2018 finalizou un ano máis cun resultado en crecemento das persoas atendidas polo persoal desta fundación nas distintas actividades de carácter cultural e turístico que esta entidade ofrece a veciños e visitantes.

O resultado concreto foi de 13.616 persoas atendidas, cifra que responde á suma dos visitantes da Casa dos Poetas (casa familiar do poeta Manuel Curros Enríquez), dos visitantes da Torre da Homenaxe e da Cova de San Vivián en Vilanova dos Infantes, dos participantes nas actividades culturais organizadas por esta entidade e dos grupos concertados que solicitaron un acompañamento nos roteiros ‘Celanova: pedra e poesía’ e ‘Celanova: un paseo pola historia de Galicia’ que inclúen visitas ó Mosteiro de San Rosendo, á Torre das Campás, a Vilanova dos Infantes e a Castromao. Se as contas as realizamos por espazos individuais entón podemos dicir que a Fundación Curros Enríquez realizou 23.099 atencións en 2018.

En canto ós datos de procedencia segue a destacar o número de visitantes galegos, sobre todo da provincia de Pontevedra, seguidos da Coruña. En canto os datos do resto de España, Madrid segue a ser a procedencia maioritaria.

Case a metade do total de persoas atendidas pola Fundación Curros Enríquez (6.739 persoas) achegáronse a Celanova formando parte de grupos concertados (186). Salientamos este ano que os grupos escolares superaron unha vez máis os non escolares, aínda que en xeral ambos tipos de grupos foron máis numerosos atopando a causa probablemente na promoción da actividade musical de órgano que se está a consolidar tamén na programación da xornada pasada en Celanova.

Comparte!!!

Relacionados