Chega o Entroido a Pontevedra, co Rei Urco e o pregón dos Solfamidas

A recepción do alcalde Miguel Fernández Lores ao rei Urco na praza da Ferrería e o pregón da comparsa Os Sulfamidas marcarán o venres, 1 de marzo, a partir das 21.00 horas o arranque do Entroido-2019. A festa e a retranca ocuparán as prazas e rúas da cidade durante unha semana deixando claro que se hai que pasalo ben, pasarémolo. Xusto antes da chegada da comitiva do rei Urco haberá unha degustación de filloas na praza.

O rei Urco chegará acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Miúdos. Será a comparsa Os Solfamidas a encargada de ler e interpretar o pregón do Entroido-2019, un reto que enfronta “con orgullo e certo susto”.

Ao día seguinte, sábado 2 de marzo, chega unha das citas máis concorridas da festa: o desfile do Entroido, que sairá da rúa Xosé Malvar (cruzamento con 12 de Novembro) e percorrerá a seguinte itinerario: Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. Comezará as 17.00 horas e tres horas despois, a partir das 20.00 horas, celebrarase a festa do Entroido na praza da Ferrería e nela daranse a coñecer e entregaranse os premios do concurso de disfraces vencellado ao desfile.

O domingo será tempo de descanso para coller folgos cara a semana do Entroido, chea de citas .

¬VER PROGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO EN PONTEVEDRA

Comparte!!!

Relacionados