Preto de oitenta traballos concorren aos premios Johán Carballeira . Bueu

Tras o peche do prazo para o envío de orixinais, o xurado dos Premios Johán Carballeira do Concello de Bueu terán que decidir os gañadores/as entre os cincuenta e oito presentados na categoría de poesía e os vinte da de xornalismo. Esas son as cifras desta edición que demostran, unha vez máis, que o certame é todo un referente a nivel galego. Así, durante as próximas semanas, o xurado revisará os traballos para que o gañador/a poida facerse cun premio de 1.500 € en ambas categorías, amais da publicación do poemario gañador por parte da editorial Xerais.

Estes premios,  que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey co poemario “Transmatria”, e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en Moncho Iglesias Míguez, coa reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez…

Comparte!!!

Relacionados