III Canicross Ourense

Ourense acollerá o próximo domingo, 20 de xaneiro, o III Canicross Oira – A Lonia, unha proba organizada pola Asociación Cultura e Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense, APMOU, que aposta por estreitar os lazos entre a cidadanía e as súas mascotas, e que conta coa colaboración do Concello de Ourense.

A presentación desta proba tivo lugar este xoves nun acto que contou coa presenza da concelleira de Sanidade, Sofía Godoy; do concelleiro de Medio Ambiente,  José Araújo; o xerente do Consello Municipal de Deportes,  Mario González; a presidenta de APMOU, Inés Quintián; a secretaria da entidade, Luz Dacoba e a Tesoreira, Susana Trigo

A concelleira de Sanidade Sofía Godoy animou aos ourensáns a “poñer en forma ás súas mascotas e eles mesmos nunha actividade familiar”. Pola súa banda Inés Quintián, de APMOU recordou que os animais deben ir “con colar e arnés homologados” e que “haberá un trofeo e dúas medallas” e invitou a todo o mundo a participar “porque non se trata de quen chegue primeiro, xa que haberá premios para todos”.

A proba comezará o domingo ás 10:15 horas, e terá a súa saída na explanada das Piscinas de Oira. Sen embargo, os participantes deberán achegarse a partir das 09:00 horas para inscribirse e para o control veterinario dos seus amigos peludos que participen na carreira.

O circuíto terá unha distancia de tres quilómetros e desenvolverase por un camiño de terra á beira do ríoo Miño. Haberá tres categorías, masculina, feminina e infantil (os menores de 14 anos deberán ir acompañados), que percorrerán o mesmo tramo. Recibirán premio os tres primeiros en finalizar a carreira en cada categoría.

Para participar no III Canicross de APMOU pódese descargar a folla de inscrición na páxina web da entidade (apmou.com)  cubrila e presentala o día da proba. Pero tamén será posible inscribirse “in situ” nas follas de inscrición  que se facilitaran na carpa de información o propio domingo.

O prezo da inscrición é de 5€ e inclúe un pano para o can, un mordedor, unha botella de auga e unha bolsa para cada participante. A entrega dos premios terá lugar no punto de saída e meta, á chegada de todos os participantes, aproximadamente ás 12:15 horas.

Comparte!!!

Relacionados