O Auditorio de Ourense acollerá, até o vindeiro 25 de marzo, a nova colección de cadros do ourensán (de Punxín) Antón Barros. Lembrando momentos é unha colección traballada entre os anos 2016 e 2017, recuperando escenas naturais que foron creados sobre diferentes temáticas, ben imaxinadas ou que lle chamaron a atención no momento da xestación artística. Á presentación acudiron a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e a responsable de Espazos expositivos do Concello de Ourense, Eva Torres.
Lembrando momentos é unha colección de lenzos de medio formato (50×60 na súa maioría) que, como el mesmo afirma, “está inspirada na vida cotiá”. Neste sentido, son numerosas as referencias á cidade, tanto literal como figuradamente a través de moitos dos seus personaxes.
Antón Barros é unha persoa ligada intimamente ao debuxo: tanto na vida profesional -é debuxante técnico- coma na artística: Desde o 2012 adícase plenamente ao óleo, e xa expuxo a súa obra en diferentes lugares da provincia de Ourense.