Os bretones da Galicia: A Diocese de Britonia

Mapa: Wikipedia / Rubén Tarrío

A diocese de Bretoña, debeu ser fundada por bretóns insulares, os primitivos bretóns ou britanos, como habitantes da illa de Bretaña, a actual Gran Bretaña.

Compelidos polas invasións anglosaxoas, grupos xermanos que desembarcan na Gran Bretaña, comunidades bretoas abandonan a illa entre o século IV e VII, dirixíndose basicamente ás costas galas, onde se asentan na península de Armórica, que acabará por tomar o nome actual de Bretaña, a consecuencia deste poboamento.

É indubidábel que se dirixiran tamén para outras partes. Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente.

Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña na Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.

Tamén o nome propio Mailoc é de ascendencia celta-insular, relacionado con diferentes variantes, Maeloc, Maedoc ou Mailog, co significado de príncipe ou xefe. (Mailoc (ou Maeloc) foi un bispo galego de orixe bretoa do século VI.)

O territorio da antiga diocese dos bretóns —Britonia— ocupou principalmente a franxa costeira da Mariña de Lugo ata a comarca da Terra Chá, chegando a súa influencia ata as costas da comarca do Eo-Navia polo leste, e de Ferrol polo oeste.

A súa antiga sé, coñecida co nome de Mosteiro Máximo foi identificado por algúns autores como Díaz y Díaz coa basílica medieval de San Martiño de Mondoñedo, onde se atopan restos do séculos V-VI d.C. Cambiando de sé e nome en varias ocasións, a actual diocese galega de Mondoñedo é a súa sucesora histórica.

Cada ano no mes de agosto a vila de Bretoña celebra o seu pasado coa Festa do Lugnasad, xuntanza lúdico-cultural que esta a sumar maior capacidade de convocatoria cada ano no calendario festivo galego.

O asentamento desta vaga de emigrantes bretóns e a creación dunha diocese relixiosa propia supón o segundo maior asentamento dun pobo estranxeiro en terras galegas, despois dos suevos.

Esta diocese aparece citada no Parochiale suevorum, un documento que mostra a organización eclesiástica da Galiza da época do Reino Suevo, que se data entre 572 e 573. Aparece citada como Sedem Britonorum, é dicir, sede dos bretóns, indicando que lle pertencen as igrexas do interior dos bretóns, o mosteiro Maximi, e as igrexas sitas en Asturias.

No Primeiro Concilio de Lugo, datado en 569, cítase o bispo Mailoc, como representante de Britonia; este bispo reaparece no 572 no Segundo Concilio de Braga.

Vídeo

Comparte!!!

Relacionados