Bueu celebra este domingo o IV Memorial de Traiñeiras Pepe O Ruso

Tras o éxito das tres primeiras edicións, o Club do Mar de Bueu, coa colaboración do Concello de Bueu, organiza este domingo, 20 de xaneiro, o IV Memorial Pepe o Ruso, unha regata a contrarreloxo na que participarán un total de 27 embarcacións. Así o apuntaron os membros da directiva do club, Rosa María Carballo e Javier Pazos, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía no salón de plenos do Concello de Bueu, e na que tamén estiveron presentes o alcalde, Félix Juncal, e o concelleiro de deportes, Manolo Otero.

A saída desta regata terá lugar ás 11.30 horas desde o peirao, continuando logo ata Agrelo, Banda do Río, Cabalo e regreso ao porto, nun percorrido moi vistoso tanto para os e as participantes como para as persoas que queiran ver as traiñeiras desde a terra.  Así, a orde de saída establécese en función da clasificación dos clubes na LIGA GALEGA e na ACT.

Aínda que non se trata dunha proba de carácter competitivo, entregarase unha bandeira ao gañador da proba na categoría sénior masculina, así como tamén, como novidade, á tripulación feminina que realice o percorrido en menos tempo.

O evento xurdiu no ano 2016 como unha homenaxe ao señor José Novas Fazanes, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe O Ruso”, unha persoa que traballou durante moitos anos e dunha forma totalmente desinteresada polo fomento do deporte do remo na vila bueuesa.

Clubes participantes

Nesta regata de pretempada está confirmada a participación dos seguintes clubes: Mecos (dúas tripulacións senior e unha feminina), Cesantes (unha senior), Meira (dúas senior), Tirán (con dúas senior, unha de veteráns e outra feminina), Vilaxoán (dúas senior), Cabo de Cruz (dúas senior e unha feminina), Esteirana (unha senior), Riveira (unha feminina), Mera (unha senior), Mugardos Mix, Chapela (unha feminina), Virxe da Guía (unha senior), Rianxo (unha de veteráns), Muros (unha senior), Ares (unha senior) e Bueu (dúas senior e unha feminina).

Comparte!!!

Relacionados