O Concello de Pontevedra recibirá arredor de 500 voluntarios deportivos para asistir aos campionatos do mundo de tríatlon que comezarán o vindeiro 27 de abril. Esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos coordinadores do voluntariado Miguel Balea e Teresa Blanco presentaron a equipación coa que se lles identificará dende inicios dos mundiais. Ademais, a entregaron aos xefes de sector.
Os voluntarios asistirán aos cinco sectores deportivos nos que estará dividida a competición: protocolo, apoio á dirección de carreira, loxística e voluntariado, comunicación e prensa, e secretaría e acreditacións.
Unha vez pechado o prazo de inscrición (o pasado 31 de marzo) e pasada a formación obrigatoria realizada o pasado sábado, os voluntarios poden seleccionar os turnos nos que poden colaborar, e a Oficina do voluntariado será a encargada de coordinar todas estas quendas.
Segundo os coordinadores da oficina haberá voluntarios galegos, españois, e triatletas que nos seus tempos libres tamén serán voluntarios de USA, Canadá, Australia, México, Arxentina, Túnez, Turquía, Francia, Italia… Tamén haberá voluntarios do Xoán XXIII, Vírxe da O, do IPDJ de Porto, da Brilat, da Escola Naval Militar…