Discurso do alcalde nos Premios Cidade de Pontevedra

Queridos premiados, Concelleiras e concelleiros, Amigas e amigos,

Benchegados un ano máis a este acto que ten moito de formal e protocolario, pero tamén moito de afectivo, da necesidade que temos de achegarnos ao mellor que temos, ao mellor que somos como cidade e como concello.

Os Premios Cidade de Pontevedra son unha expresión de sentimento, un recoñecemento de alta densidade aos pontevedreses ou pontevedresas que destacan nalgún eido da súa actividade profesional ou social.

Sempre hai neste acto moitos motivos de satisfacción, porque os premiados nunca decepcionan a ninguén.

Porque hai unha proposta libre que nace das veciñas e veciños. Apostas por candidatos que sempre merecen estar ahí, porque nunca faltan méritos e nunca sobran razóns.

Porque hai un xurado plural e representativo que pon o mellor de sí mesmo na sempre difícil escolla dos premiados, e fai un encomiable traballo para que nós podamos chegar a este día de San Sebastián coa mellor colleita do ano.

Quero neste punto felicitar a todas as persoas candidatas a esta edición de 2019 e por suposto agradecer moitísimo cada unha das propostas realizadas e o traballo do xurado.

A verdade é que o resultado deste ano énchenos a moita xente de satisfación. Primeiro, por tratarse de duas apostas profundamente pontevedresas, que enchen de sentido ese orgullo noso polo traballo ben feito e pola dimensión colectiva de duas maneiras moi distintas pero imprescindibles de facer de Pontevedra a cidade que hoxe é.

Se dar carácter global e punteiro a unha empresa familiar é un fenómeno da intelixencia e o tesón; manterse como referente dunha acción social integradora e partícipe dunha cidade accesible e mellor para todos.

Tanto Cristalería Pontevedresa como o Centro de Recursos Educativos da ONCE acumulan méritos de sobra para nos representar a todos e todas, cos nosos devezos colectivos, o noso afán de superación e o noso espírito aberto e solidario.

A ninguén se lle escapa que a ONCE é unha entidade única no mundo pola súa dimensión, a súa acción e a súa función social para as persoas que ven, que miran, dunha maneira distinta a como o facemos a maioría.

A particularidade sensorial dalgunhas persoas impídelles moverse ou vivir cos mesmos hábitos que máis ou menos adoitamos a maioría de nós. Polo feito de ter esas características conxénitas ou adquiridas, esta potente organización de ámbito estatal presta un intensísimo apoio ás mulleres e os homes que comparten esa especial maneira de nos mirar.

Se a ONCE non existise, o concepto que teríamos da solidariedade sería distinto, e seguramente moito pior. Grazas a esa maquinaria social de construir igualdade e integración, as persoas que ven distinto dispoñen dun forte colchón no que apoiarse, de 1 3

unha fórmula de benestar social e saúde integral para conseguir cotas de realización persoal en dignidade.

Pero en Pontevedra a ONCE non só é unha estrutura social de dignidade para moitas persoas. É tamén un referente na cidade por varias razóns. Unha delas, pola existencia entre nós do Centro de Recursos Educativos, un dos cinco que no estado ten a organización, e no que hoxe precisamente se materializa este Premio Cidade de Pontevedra.

Un centro cunha misión educativa e de investigación que serve de apoio á sociedade para o tratamento das necesidades de escolarización que presentan as persoas con particularidades visuais. Recursos pedagóxicos, integración no sistema educativo ordinario, fórmulas transitorias para conseguir unha integración plena, uso da tecnoloxía para mellorar a calidade de vida… unha chea de servizos de apoio de altísima calidade para as persoas que o necesitan.

E se o Centro de Recursos Educativos é importante, non o é menos a implicación da organización na reforma urbana de Pontevedra, especialmente nos primeiros anos. Cando alá hai 20 anos xa comezábamos a dar os primeiros pasos do novo modelo, a ONCE xa era un puntal de apoio. Camiñar xuntos cunha organización tan avanzada e profesional foi todo un orgullo e unha garantía da ambición que tiñamos con aqueles primeiros pasos das políticas de accesibilidade universal.

Queríamos facilitar a vida ás persoas que máis dificultades presentaban á hora de moverse polo espazo público e os compañeiros e compañeiras da ONCE fóron un auténtico foco de aprendizaxe, tanto para os técnicos, profesionais e operarios da construción como para as persoas que temos que tomar decisións sobre cómo ir configurando unha Pontevedra mellor.

Grazas por todo o que nos distes e por todo o que nos seguides dando, porque o voso coñecemento e a vosa experiencia tamén contribúe a manter viva a constancia, o método, o rigor e a enerxía dunha cidade en movemento que quere ser cada día máis dinámica, solidaria, integradora e xusta con todas e todos.

O outro premio Cidade de Pontevedra deste ano ten tamén todos os méritos deste mundo. Hai exactamente 60 anos nacía unha empresa que quería enfrentarse ao descoñecido. Francisco Barbeito, o noso premiado de hoxe, foi o seu creador. Nacía o que entón se chamaba Cristalería Pontevedresa, nome que moitos de nós seguimos utilizando.

Se nos primeiros tempos patentaba unha fórmula chamada “disolución composta de nitrato de prata” para fabricar espellos, máis adiante incorporaba a primeira liña de fabricación de vidrio temperado plano.

Hoxe satisfán as demandas máis esixentes de vidro temperado curvo, con grosores inimaxinábles, ofrecen produtos tan punteiros e innovadores como a pedra translúcida e desenvolven proxectos en todo o planeta, ademáis de fornecer á industria, a construción e investigar no deseño e fabricación de materiais punteiros para ofrecer solucións ao deseño, á enxeñaría e á arquitectura máis contemporáneas.

E por se todo iso fose pouco, a nova estrutura da empresa pasou a chamarse Pontevedresa Group, que engloba duas divisións: Pontevedresa Industrial e Ceptual, un centro de innovación e colaboración co mundo da creatividade e o deseño.

Por qué lle temos que estar doblemente agradecidos? Porque no esixente mundo das marcas globais optaron pola orixe. Por chamarse Pontevedresa, un polisílabo difícil pronunciado nalgún outro idioma, pero que denota intelixencia e infindo amor á nosa cidade a á nosa xente.

Estamos moi orgullosos da maioría das nosas empresas: motores de riqueza, de innovación, de esforzo, de economía limpa e integrada na cidade e no contorno, conectada coas necesidades do mundo e consciente de que renegando do noso non se chega a ser un auténtico cidadán do mundo. Pontevedresa é un nome, un carné de identidade, absolutamente cosmopolita e global, e vós estades demostrándoo.

Grazas pola túa vida entregada aos demáis, a engrandecer a nosa economía e a crear riqueza industrial e limpa nesta cidade que é a túa e que tanto che quere.

Grazas ao Centro de Recursos Educativos da ONCE e grazas a don Francisco Barbeito Castro por facer de Pontevedra unha cidade máis agradable para todas e todos. Desde hoxe estades aínda máis nos nosos corazóns.

Moitas grazas. Viva Pontevedra!

Comparte!!!

Relacionados