Foto: Consello da Cultura Galega
Nome actual: Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra
Uso no pasado: Colexio de primeiro ensino dos xesuítas. Despois de 1767, foi escola de primeiras letras e latinidade patrocinada polo concello, fábrica de tecidos, almacéns, primeiro Instituto de Pontevedra. De 1903 e ata 1974 estivo ocupado polo Hospicio e a Inclusa, unificados co nome de Fogar Provincial
Inauguración: 1714. Este edificio foi construído por iniciativa do relixioso Jorge de Andrade, que residía en Perú. Desexaba reunir nun só edificio todos os estudos existentes na vila de Pontevedra. Contou, ademais, co patrocinio e axuda do Concello e doutros notables da sociedade pontevedresa e galega.
Edificouse nun soar ao carón da igrexa da Compañía de Xesús, xa que dende un principio decidiuse que sería rexido polos xesuítas. É moi similar ao colexio que a Compañía de Xesús ten no Bierzo (León), polo que probablemente os planos fosen enviados dende Roma, da casa matriz.
De estilo barroco adaptado ás características tradicionais da zona, trátase dun edificio de dous andares de planta rectangular, construído en cantaría sobre un baseamento de distinta altura para salvar o desnivel do terreo. Na fachada da rúa Sarmiento presenta unha decoración con placas e pilastras. Enriba da porta principal destaca un escudo de armas moi elaborado, flanqueado por dúas pequenas fiestras.
No seu interior existe un claustro de dúas plantas, con arcos pechados e fiestras abertas ao patio. A monumental escaleira de pedra que conduce da planta baixa ao primeiro andar parece que data de 1722.
Ao longo dos anos este edificio foi ampliándose nos terreos veciños.
Tras a expulsión dos xesuítas en 1767, o Colexio pasou a ser sede das Escolas de Primeiras Letras e Latinidade patrocinadas polo Concello. Anos despois, as súas instalacións foron empregadas como a fábrica de tecidos dos irmáns Lees e almacéns. Xa no século XIX, foi o primeiro instituto de Pontevedra. En 1894, a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra estudou a posibilidade de instalar nos seus baixos o seu Museo. Dende 1903 ata 1974, estivo ocupado polo hospicio da cidade e pola «inclusa», unificados baixo o nome de Fogar Provincial en 1955.
En 1978, coa autorización do Ministerio do Interior, o edificio foi cedido para ser usado como parte do Museo de Pontevedra.
Tras realizar obras de reparación e acondicionamento, a súa inauguración como museo tivo lugar en agosto de 1984.
Jorge de Andrade, natural de Pontevedra, foi un adiñeirado sacerdote que residiu no vicerreinado do Perú na primeira metade do século XVII. Ao redor de 1644, fixo unha doazón de 20 000 pesos de prata destinados á fundación dun colexio na cidade de Pontevedra «para mexor educación de los naturales della». Este colexio estaría dirixido pola orde relixiosa dos xesuítas. A súa construción estivo favorecida polo Concello e serviu para reunir nun único centro educativo as escolas xa existentes na vila.
O edificio rematouse en 1714 e, ademais de aulas de primeiras letras, gramática, retórica e doutrina cristiá, contaba cun convento, onde vivían os ensinantes relixiosos. Funcionou como tal ata 1767, ano en que foi disolta a Compañía de Xesús, e permaneceu pechado durante uns anos. A comezos do século XIX, instalouse alí unha fábrica de «emborrar, cardar, hilar y tejer lana y algodón», dirixida polos irmáns Lee, naturais de Lancaster. Neste século o edificio foi restaurado e volveu converterse nun centro de ensino.
Actualmente é un dos edificios do Museo de Pontevedra.