As piscinas de Pontemuíños acollen esta fin de semana -19 e 20 de xaneiro- o Campionato Galego Máster de Inverno de Natación, unha cita que reunirá na cidade a 439 nadadores: 261 varóns e 178 mulleres.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, presentou hoxe a cita deportiva xunto co presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño e Amparo Porta, presidenta do Club Natación Galaico.
As sesións desenvolveranse na tarde do sábado (de 17.00 a 19.50 horas) e na mañá e tarde do domingo (de 10.00 a 12.50 horas e de 16.00 a 18.20 horas).
Non será a única cita coa natación que terá Pontevedra ao comezo do ano. En febreiro está prevista a celebración do Campionato de España Máster que na última edición convocou a arredor de 1.500 deportistas.