Correlingua: Mañá participarán 1.500 escolares de Pontevedra e comarca. Pontevedra

1.500 escolares de 18 centros de ensino de Pontevedra e comarca participan mañá xoves 16 de maio na Boa Vila na final do Correlingua-2019. Será a última das doce etapas nas que se dividiu este ano.

Os 1.500 alumnos e alumnas, con idades que van dos 3 aos 17 anos, son dos seguintes centros: CEIP Manuel Vidal Portela, CEE Pontevedra, CEIP Praza de Barcelos, CPR Sagrado Corazón de Placeres, CPI de Pontecesures, CPI Julia Becerra Malvar, IES de Ponte Caldelas, CPI do Toural, CEIP A Xunqueira 2, IES Frei Martín Sarmiento, CEIP San Martiño, CPR Santiago Apóstol, CEIP A Lama, CEEPR Amencer-Aspace, CEIP Santo André de Xeve, CPR Salesianos A Mercé, CEIP Marcos da Portela, CPI de Meis, IES A Xunqueira 1.

Correlingua abrangue distintas accións a prol do idioma que se levan desenvolvendo durante todo o curso escolar en centros de ensino de toda Galicia. Convocáronse concursos de manifesto, banda deseñada, vídeo e o Cantalingua, o certame musical de cancións do que saen as actuacións nas festas finais. (As bases e os traballos premiados están compilados no web www.correlingua.gal)

Cada unha das categorías serviu para o alumnado traballar a idea do lema da edición deste ano “O galego é a fórmula”, para incidir na necesidade de que o galego estea presente en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico.

O Correlingua persegue os obxectivos de propiciar a reflexión sobre a situación lingüística e a necesidade da defensa da lingua desde a mocidade e a infancia, asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas e lúdicas, e contribuír a manter vivo o noso patrimonio, implicando ás novas xeracións. A través desta proposta de carácter lúdico-educativo convídase á mocidade e á infancia, desde os centros de ensino, a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Concello de Pontevedra, CIG-Ensino e a asociación Correlingua organizan o Correlingua en Pontevedra. Nas outras etapas tamén participan na organización a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e colaboran as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e outros concellos ao longo de todo o país.

Desenvolvemento do Correlingua:
  • Desde as 10.30 horas ata as 10.45 chegada dos participantes á praza da Ferraría con animación de Art Monium (músicos e dragón cuspe-auga).
  • Ás 10.45 horas: saída das carreiras desde a praza da Ferraría. Haberá dous percorridos: un longo para o alumnado de Primaria e Secundaria, e outro máis curto para o alumnado de Educación Infantil. Percorrido curto (para infantil): praza da Ferraría, rúa San Román, rúa Sarmiento, praza de Méndez Núñez, rúa Isabel II, praza das Cinco Rúas, rúa Fonseca, praza de Alonso de Fonseca, avenida de Santa María, rúa Alfándega, rúa Don Filiberto, rúa Manuel Quiroga, rúa Soportais e praza da Ferraría. Cando rematen de saír da praza da Ferrería os máis pequenos continuarase chamando aos centros para facer o percorrido longo: Percorrido longo (para Primaria e ESO) : saída da praza da Ferraría, rúa Conde de San Román, rúa Padre Sarmiento, rúa Gregorio Fernández, praza da Pedreira, Rúa da Pedreira, rúa Arcos de San Bartolomeu, rúa Serra, rúa César Boente, rúa de Don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa Real, praza de Celso García de la Riega, rúa de San Nicolás, praza das Cinco Rúas, rúa Barón, praza do Peirao, rúa Arcebispo Malvar, praza de España, rúa Michelena, praza da Peregrina, Porta de Trabancas e praza da Ferraría.
  • Ás 11.20 horas chegada dos participantes á praza da Ferraría, conducirá o acto Luís o Caruncho, regueifeiro e zanfonista. O acto inclúe: – Lectura do manifesto, ás 11.35 horas
  • – Actuación de Pauliña, un dos grupos gañadores do concurso Cantalingua, ás 11.40 horas – Saúdo do alcalde, ás 12.10 horas, – Entrega de agasallos e globos, ás 12.20 horas, – Solta de globos e despedida, ás 12.35 horas, – Remate do acto, ás 12.45 horas

¬VER / DESCARGAR PROGRAMA CORRELINGUA

+INFO. CLICK AQUÍ

Comparte!!!

Relacionados