Allariz /Foto©Porgaliciabaixo
É unha reserva da biosfera declarada o 25 de xuño do ano 2005 e que abrangue os concellos de Allariz (bisbarra de Allariz-Maceda), A Bola (Terra de Celanova), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (A Limia), todos eles pertencentes na provincia de Ourense. A reserva ten unha superficie de 21.482 hectáreas e nela vive unha poboación de menos de 10.000 persoas.
A poboación da Área de Allariz distribúese principalmente en núcleos dispersos. A reserva conta cun total de 32 parroquias que espallan a poboación e, ao mesmo tempo, achégana á terra que traballan ou traballaban.
A maior parte da poboación vive nas chamadas Áreas de Transición, e tan só un 29% está dentro das Zonas Tampón. Para un axeitado equilibrio medioambiental é moi importante seguir sendo quen de manter estes niveis de poboación en cada área.
A Area da Reserva está formada por unha ampla depresión, cunha altitude media de 600 m, por onde decorre o río Limia, e rodeada dun reborde montañoso do que destaca na súa parte norte o macizo granítico de Allariz, por onde decorre encaixado o río Arnoia. É un territorio de enorme importancia bioxeográfica, xa que é fronteirizo entre dúas grandes rexións que coexisten na Península Ibérica, a Mediterránea e a Eurosiberiana.
Toda a zona presenta unha paisaxe agraria tradicional, fortemente intervida polo home desde tempos remotos. Non falamos pois dun territorio salvaxe ou virxe senón, polo contrario, dunha paisaxe na que a man do home xoga un papel xa inseparable do seu futuro; é por iso, que o abandono da terra carrexa con suma rapidez o deterioro da paisaxe, xa que nela a compoñente cultural resulta tan importante como a propia natureza.
A poboación non chega aos 10.000 habitantes. Está altamente concienciada respecto a un modelo de desenvolvemento sostible impulsado dende hai máis de 15 anos na Reserva e que elevou substancialmente o seu nivel de vida, e supuxo un importante elemento de ordenación territorial dende hai tempo.
Nesta zona predomina o bosque plano caducifolio de zonas mornas con mosaico de prados e canles de auga, e unha longa historia de presenza humana con transición cara a ecosistemas mediterráneos. Na Reserva existen paisaxes sobresaíntes, multitude de sitios arqueolóxicos romanos e prerromanos, con zonas de montañas de baixa altitude arborizadas e humidais (Lagoa de Antela) de grande importancia. Entre a fauna de vertebrados cabe destacar o lobo, a londra, poboacións de aves acuáticas de importancia e un alto índice de formas, sobre todo de anfibios, que constitúen endemismos ibéricos.
A zonificación da reserva levouse a cabo a partir de dunha coidadosa análise que tivo en conta a investigación científica, a opinión da poboación, as cuestións socioeconómicas, a lexislación vixente, requirimentos do Programa o Home e a Biosfera e outra serie de cuestións pertinentes. Deste xeito establecéronse tres tipos de zonas: Núcleo, Tampón e de Transición.
Núcleo
Constitúe o 0,7% da reserva, o que son unhas 149,2 has, compostas por aqueles lugares nos que é posible atopar ecosistemas naturais menos alterados e cun maior grao de conservación.
Allariz
- O Briñal ou Escadas: 13 Has dun tramo ben conservado da vexetación de ribeira do río Arnoia.
- O Canelar: 63 Has na confluencia dos regatos de Fontes e do Canelar.
- O Foxo Vello: Zona ás beiras dun regato, que ocupa 1 Ha.
Rairiz de Veiga
- Veigas de Ponteliñares: 51 Has. Reduto da paisaxe anterior ao desecamento da Lagoa de Antela.
- A Carballa da Saínza, cunha extensión de 1 Ha, acolle un exemplar de carballo con nome propio, “A carballa da Saínza” ou “da Rocha”. Foi declarada monumento natural.
- Castro de Castrelo: 8 Has. Área de interese patrimonial.
- Castro de San Miguel, de 3.5 Has. Área de especial interese patrimonial alén de ser un magnífico observatorio das Veigas de Ponteliñares.
Vilar de Santos
O Ruxidoiro: 7.7 Has. Concentración de enterramentos prehistóricos e ecosistemas de bosque autóctono ben conservado constituídos por carballos centenarios
Tampón
A zona tampón constitúe o 4,9% (1.054,6 ha) do espazo, trátase dunha zona de amortecemento das posibles perturbacións que poidan provir daquelas zonas con maior actividade antropoxénica. Estas actividades deben estar cinguidas aos diferentes Plans Xerais de Ordenación dos concellos, nos cales se contemplan xa figuras de protección para estas zonas. Nas zonas tampón propostas estanse a levar a cabo actividades que contribúen a mellorar a conservación, dentro dun marco de aproveitamento sostible dos recursos. Un bo exemplo diso son as explotacións de gandaría autóctona en réxime extensivo que se están a implantar nalgunha destas zonas. A participación neste programa dos veciños de varias parroquias en concepto de propietarios de Montes Veciñais en Man Común faino posible. Este proxecto de recuperación de superficies agrarias e forestais en estado de abandono recibiu unha mención da ONU, e mereceu a inclusión no Catálogo de Boas Prácticas que auspician.
Transición
A Zona de transición é a de maior extensión, con 20.278 ha, representando un 94,4% do total da Reserva. A case totalidade do territorio conta con Plans de Ordenación, salvo unha pequena parte que se corresponde co municipio de A Bola, territorio no que se está a traballar nun plan. Neste territorio, ao igual que nas zonas tampón, se están a aplicar criterios de desenvolvemento sostible de acordo coa Estratexia de Sevilla. Dos catro municipios que compoñen a Reserva, o de Allariz é o que está a experimentar un maior crecemento, debido á posta en marcha fai agora 15 anos dun proxecto de desenvolvemento a través dos recursos endóxenos, que fixo posible que, a diferencia do resto da provincia de Ourense, Allariz estea a gañar progresivamente poboación.
Nos últimos anos apréciase un importante crecemento do número de vivendas, aínda que por desgraza o número de antigas edificacións que foron abandonadas segue a ser unha ameaza.
Para evitalo, nos concellos da Reserva estáse a facer unha aposta decidida pola recuperación do patrimonio que se concreta na recuperación de antigos edificios para usos públicos. Este esforzo dos concellos está a ser recompensado polos veciños que, seguindo o seu exemplo, recuperan de maneira individual as vivendas familiares que herdan. Sen dúbida, tamén é importante o número de forasteiros que, atraídos pola sona deste territorio, comezan a comprar e a rehabilitar.
Nalgunhas parroquias, esa tendencia comeza a ser moi evidente; é o caso da vila de Allariz ou Requeixo de Valverde, aínda que tamén son de destacar Soutomel, Vilar de Santos, Parada de Outeiro ou Ordes onde, se ben o aumento da poboación non é significativo, si existe unha ruptura da tendencia na regresión demográfica.