O Espazo Lusquiños abre unha nova convocatoria para os locais de ensaio. Ourense

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense abre o día 1 de febreiro unha nova convocatoria para que mozos e mozas da cidade poidan optar aos locais de ensaio do Espazo Lusquiños (Av. Marín). Poderán solicitar locais  grupos musicais noveis e solistas, tanto instrumentais como vocalistas, aínda que os colectivos terán preferencia sobre as peticións individuais.

“Con esta proposta ofrecemos á nosa xuventude unha oportunidade para achegarse ao mundo da música e de entrar en contacto con outras persoas da súa idade coas súas mesmas inquedanzas. Tamén estimulamos que poidan intercambiar coñecementos e experiencias nunha etapa fundamental para a súa formación como persoas”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O rexedor recorda que a posta en marcha deste espazo cultural foi unha das principais apostas do Concello neste mandato, “no que nos esforzamos por darlle contido e dotación ao Lusquiños para que se convertese no que xa é hoxe en día, un punto de encontro da nosa xuventude, en un dos proxectos estrela na nosa aposta porque os menores se sintan parte desta cidade”.

Ademais, o alcalde destaca que a través dos ensaios “acadamos que a nosa xuventude teña hábitos saudables de ocio, estimule o seu interese pola Cultura e descubra que a música tamén pode ser un sector profesional ao que poderían dedicarse no futuro”.

Durante todo o mes de febreiro poderán solicitarse os locais, entregando por Rexistro Xeral (na planta baixa da Casa do Concello, de 9:00 a 14:00 horas) o formulario dispoñible na páxina web do Lusquiños ou na sección de impresos de www.ourense.gal. Co impreso, é necesario presentar unha fotocopia do DNI dos integrantes da banda, así coma un breve currículo e unha foto do conxunto. No caso de haber menores de idade, a documentación deberá ir acompañada dunha autorización familiar.

Poderán indicar un horario de preferencia, en función das súas necesidades, xa que se ofertan luns, mércores e venres de 17 a 22 horas e os sábados de 10:30 a 14:00 e de 17 a 22h. Esta quenda servirá para adxudicar o uso dos locais por un período de 6 meses. As quendas de ensaio son de tres horas repartidas en dúas sesións semanais de hora e media cada unha.

Trátase dun servizo público de titularidade municipal destinado a facilitar un espazo para o ensaio musical totalmente equipado e de xeito gratuíto en condicións de igualdade para a mocidade de Ourense.

Actualmente, realizan os seus ensaios nos locais do Espazo Lusquiños un total de 10 bandas da cidade, de diferentes estilos musicais.

Catro locais de ensaio totalmente equipados

O Espazo Lusquiños da Mocidade está integrado por catro locais de ensaio totalmente equipados, o que permite que só haxa que levar o instrumento e os  cables. O backline de cada sala de ensaio consta dunha batería Tama Imperialstar e un set de pratos Meinl, un amplificador de baixo Fender Rumble 350, dous amplificadores de guitarra Fender FM212R e un equipo de voces con dúas caixas de 400W e mesturador de 8 canais de micro e 4 liñas estéreo, así como micros.

Comparte!!!

Relacionados