Velaquí a programación de actividades do Auditorio Municipal para os vindeiros días. A maiores, a axenda cultural inclúe os concertos do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso: o venres 22 ás 20:30 horas na Igrexa das Caldas, Apollo5 (Reino Unido); o sábado 23 ás 19:30 horas na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, LaReverdie (Italia), e o domingo 24 ás 19:00 horas no Teatro Principal de Ourense, peche desta duodécima edición con Vienna Clarinet Connection (Austria).
-
TANATORIUM, de Félix Albo.
Xoves 21, 20:30 horas. Público adulto. Entradas 5 €.
Un home entra no portal dun velorio xusto no momento no que marcha a luz. A escuridade, o forzado silencio e a incómoda humidade que se respira na entrada evócalle un soliloquio co que percorre trazos de distintas vidas ata chegar á súa propia. Espectáculo cheo de risos, emoción e tamén preguntas ás que ninguén ten obriga de contestar. Sobre o escenario bailan a vida e a morte ao ritmo das gargalladas do público.
-
Encontro orquestral e coral dos CSM de Galicia
Venres 22, 20:30 horas. Entrada de balde.
O Encontro reunirá 150 intérpretes con idades comprendidas entre os 18 e os 23 anos que conformarán unha grande Banda Sinfónica con Coro, conducidos polo profesor Juan Carlos Díaz.
-
STEPS, de Silvia Alonso
Sábado 23, 20:30 horas. Entradas 8 €.
“Steps” é o terceiro espectáculo da artista ourensá e representa o resultado dunha evolución , e o seu propio nome responde ao dobre significado de “ pasos” ou “escaleira”, como reflexo dun labor de procura de novos campos vocais. Revisión de temas dos anos 70 e 80, que coinciden coa etapa final brillo do funk, o nacemento da música disco, e o rock sinfónico. Exitos de autores e intérpretes como Steve Wonder, Police, Queen ou Michael Jackson, serán revisados cunha óptica nova e matices propios, fuxindo da réplica dos orixinais, arranxos musicais, orixinais e exclusivos.
Durante o concerto presentarase o vídeoclip autobiográfico que presenta a transformación vital de Silvia Alonso, a partir do seu encontro coa música.
-
COUSAS DE NENOS, de Ian & Elisa
Domingo 24, 12:00 horas. Sala Azul. Familiar. 45 minutos. Entradas 3 €
Espectáculo indicado para toda a familia. Tanto nenos como non tan nenos desfrutarán deste espectáculo cheo de colorido e ilusión. Cunha mestura de maxia e sombras chinesas Ian e Elisa farán que o público se somerxa nun mundo imaxinario onde nada é imposible.
-
CYRANO DE BERGERAC
Domingo 24, 20:00 horas. Todos os públicos. Entradas 16 €.
Premio á Mellor Interpretación Masculina (José Luis Gil) e á Mellor Dirección Escénica (Alberto Castrillo-Ferrer) nos XXVI Premios Teatro Rojas. O Cyrano de Bergerac teno todo: aventura, paixón, tensión, humor, beleza, amor e desamor. É un clásico entre os clásicos e un moderno entre os modernos. Cyrano é moito máis que unha obra ou unha personaxe. É o emblema nacional galo. O home valente ata o infinito pero acovardado ante a muller que ama, o “negro” do guapo da historia, Christian, ao que escribe versos en segredo para a súa amada Roxanne. É unha oda ao enxeño e ao amor, é a forza do seu verso, o seu descaro e sutileza, un verso bisbeado ou lanzado como un dardo, un verso áxil e profundo, popular e erudito, descarado e vital, teno todo.
Esta obra converterase nun símbolo do teatro francés e universal, nun novo Quíxote dramatúrxico representado polo mundo enteiro, unha mostra do poder da palabra tanto na vida como na escena. A obra, escrita polo novo e ousado poeta Edmond Rostand coñeceu un éxito sen precedentes que se estende ata os nosos días.
Nesta ocasión o televisivo actor José Luis Gil ponse na pel de Cyrano, acompañado de Ana Ruiz, Álex Gadea, Nacho Rubio, Ricardo Joven, Rocío Calvo e Joaquín Murillo. Dirección: Alberto Castrillo-Ferrer. Máis info sobre a obra.
As entradas pódense adquirir en ataquilla.com ou dúas horas antes da función no despacho de billetes do Auditorio Municipal