“Un que chega de fóra percibe que Pontevedra é unha cidade para estar, para vivir”

Foto©Porgaliciabaixo

Ana Montalbán, arquitecta-urbanista e nova coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan está en Pontevedra co fin de coñecer en profundidade e de primeira man a transformación urbana que fai da cidade un referente no mundo. Aproveitando a súa estancia en Galiza, achegarase tamén a coñecer Carballo, membro da rede; e a Ferrol, cidade interesada en formar parte dela.

O alcalde Miguel Fernández Lores, presidente da Rede de Cidades que Camiñan, reuniuse con Montalbán coa que comparte o afán de “traballar a prol de facer unhas cidades máis humanas e que permitan a convivencia e os desprazamentos peonís nos espazos públicos”.

Após dunha primeira fase de creación e consolidación, Cidades que Camiñan (a rede naceu no 2012) atópase nun momento de expansión, apostando pola captación e incorporación de novos socios e pola busca dunha maior influencia nas administracións co obxectivo posto de construír entre todas e todos cidades para as persoas. Hoxe en día son 43 as cidades incorporadas á rede (www.ciudadesquecamina.org )

Montalbán sinala que Pontevedra “é unha visita” obrigada e, após de 24 horas na Boa Vila recoñece que as expectativas que tiña sobre o modelo urbano quedan “moi superadas” pola realidade. “Sorprende o esforzo de transformación urbano feito. Non son sinais, non son operacións cosméticas senón que un percibe que é unha cidade para estar e para camiñar, vese polo deseño urbano” apunta esta arquitecta-urbanista para engadir que “cando alguén chega de fóra e nota que é unha cidade tranquila para estar, para vivir… aí está o éxito e non fai falla un manual explicativo”.

A estancia da coordinadora técnica da rede en Pontevedra coincide coa visita mañá dunha delegación da Asociació Catalana de Municipis ( www.acm.cat ) de doce persoas, entre elas o secretario xeral da asociación e alcalde da Seu d’Urgell e os alcaldes de Girona, Vic, San Cugat, un vicepresidente da Diputació de Lleida e unha concelleira de Barcelona. A visita responde a unha solicitude formulada ao Concello pola ACM co fin de estudar o proceso de transformación urbana de Pontevedra.

A delegación catalana, xunto con Ana Montalbán, manterán unha reunión de traballo sobre o modelo Pontevedra co director xeral de Urbanismo e técnicos municipais e farán unha visita guiada pola cidade.

Comparte!!!

Relacionados