Mosteiro Parador De Santo Estevo De Ribas De Sil

Foto: Wkipedia/  José Antonio Gil Martínez

Antigo mosteiro benedictino situado na comarca de Ourense, ó norte do municipio de Nogueira de Ramuín, na ladeira meridional do río Sil.

Aínda que se atribuíu a súa fundación a San Martín Dumiense no século VI, a primeira documentación conservada é un privilexio de Ordoño II do ano 921; nel autoriza ao abad Franquila a reconstruír o mosteiro, concedéndolle numerosas posesións. Durante os séculos posteriores crece a súa importancia, creándose a que parece en parte lenda, que afirma que durante os séculos X e XI retiráronse ó mosterio nove santos bispos, o que estendeu a súa fama e foi recollido no escudo do mosterio con nove mitras. A finais do século XV, a reforma monástica imposta polos Reis Católicos e o Cardeal Cisneros propicia a súa incorporación, en 1499, á congregación de San Benito de Valladolid. Desde 1530 ata a exclaustración de 1875 é Colexio de Artes, pasando despois a igrexa a parroquial.

Durante os séculos posteriores crece a súa importancia, creándose a que parece en parte lenda, que afirma que durante os séculos X e XI retiráronse ó mosterio nove santos bispos

Foto: Wkipedia/  José Antonio Gil Martínez

igrexa abacial é románica, de finais do século XII e comezos do XIII, pero sufriu modificacións posteriores. Ten planta basilical, con tres naves rematadas por tres ábsides semicirculares. Orixinalmente tiña teito de madeira, que foi substituído no século XVI por bóvedas de crucería. A cabeceira románica da igrexa é a parte máis interesante do seu exterior; os ábsides laterais foron aumentados no século XVI ó construír as bóvedas das naves, adquirindo aspecto de torreóns. A fachada occidental caracteriza o conxunto polas súas dúas torres prismáticas acabadas en pedra, de finais do século XVII e principios do XVIII, como gran parte da fachada. Malia iso conserva claros vestixios da primitiva fachada, como son os dous grandes contrafortes que flanquean a portada.

O mosteiro organízase ó redor dos seus tres claustros. O claustro dos Bispos, en realidade o claustro Regular ou das Procesións, de dous corpos e planta rectangular, é o máis antigo e comunica directamente coa igrexa. O primeiro corpo é románico, de principios do século XII. O segundo corpo, do século XVI, é gótico aínda que reformado posteriormente. O claustro pequeno, situado ao norte do anterior, foi construído por Diego de Illa a partir de 1595; está composto por dous corpos, formados por arcos de medio punto sobre columnas dóricas. O claustro da Portería ou claustro Grande, situado ó oeste dos dous anteriores, é de planta rectangular. Ten tres corpos, ningún abovedado, con arcos de medio punto. No corpo intermedio atopouse encaixado nun muro un extraordinario retablo ou altar románico, probablemente de principios do século XII, que logo foi trasladado ao brazo norte do cruceiro.

Ten planta basilical, con tres naves rematadas por tres ábsides semicirculares. Orixinalmente tiña teito de madeira, que foi substituído no século XVI por bóvedas de crucería.

Entre as dependencias mellor conservadas do mosteiro destaca en primeiro lugar a cociña, situada no ángulo nordeste do conxunto, de planta cadrada cun gran fogar central de pedra sobre catro columnas exentas. En segundo lugar a escaleira de honor, situada á beira da portería, cuberta cunha fermosa bóveda de crucería de 1739, con nove rosetóns variadamente decorados.

O edificio foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1923. O Mosterio de Santo Estevo foi adaptado como Parador de Turismo e inaugurado no ano 2004.

¬Páxina Web do Parador Click aquí

Vídeo


Fonte: Concello de Nogueira de Ramuín

Comparte!!!

Relacionados