O Albariño de Soutomaior

O albariño de Soutomaior ten lexítima, xusta e merecida fama e como din moi certeiramente os de Soutomaior, é o mellor do mundo. Ademais da súa calidade o albariño é sempre aquí o complemento ideal de vida. Os seus viñedos adornan a paisaxe e a vendima ten aquí unha liturxia especial. A uva albariña de exquisita redondez loce co ouro mellor deses días de comezo do outono, cando o sol é tímido e os homes e mulleres a transportan da viña ao lagar, onde se garda coa honra que este tesouro merece.

Os cociñeiros de Soutomaior famosos como Lucas, “O Xabelo” ou o Arxentino Aquiar… sempre atoparon nestes excelentes viños un bo complemento ás súas habilidades gastronómicas.
Falar do albariño de Soutomaior é evocar unha mística non só de paisaxe, senón tamén de coidado. A estructura dos viñedos respétase sempre.
Na actualidade existen dúas bodegas encargadas da súa comercialización.

A partir da vendima de 1996, o albariño de Soutomaior ten denominación de orixe “Rías Baixas”, subzona de Soutomaior.
Coa frescura dese viño, pureza e alimento divino, Soutomaior está no mundo baixo a mirada do máis grande testemuño medieval e a esperanza suprema da apertura atlántica, que lle dá á vecindade do mar de Vigo, a gran porta atlántica onde Galicia se asoma a tódolos rumbos.

Pero non só están presentes as ostras e o albariño senon que tamén hai que engadir outros productos, como poden ser os berberechos e as ameixas, productos que atopan unhas condicións inmellorables nas augas da ría de Vigo que bañan a costa da parroquia de Arcade.
Debemos lembrar que Soutomaior é un lugar de tradición gastronómica e hosteleira, xa que de aquí saíron numerosos expertos na arte da cociña. Como mostra disto, só fai falla observar o número de restaurantes que se concentran na localidade de Arcade. Tamén hai algúns, aínda que en menor número en Soutomaior. Tanto uns coma outros son punto de cita para todos os amantes da boa cociña.

Fonte: Concello de Soutomaior

Comparte!!!

Relacionados