Coñeces a Lagoa da Serpe na Veiga e a súa lenda?

A Lagoa dá Serpe, no concello da Veiga, é unha lagoa natural de orixe glaciar, o feito de atopar lagoas destas características nestas latitudes é bastante raro, non só a nivel peninsular, senón a nivel europeo, xa que nos atopamos cun glaciarismo de casquete.

É unha paisaxe única do que se pode gozar durante todo o ascenso a esta lagoa, situada no Macizo de Trevinca a 1.697 metros de altitude.

Conta a lenda que, todas as noites de San Xoan, sobre unha roca á beira da lagoa, aparece unha fermosa princesa de cabelos azabache que o resto do ano vive na lagoa transformada en serpe. Só un valente e arriscado mozo será quen de romper o maleficio.

Cómo chegar:

Desde a Oficina de Turismo da Veiga dirixímonos ao núcleo de Ponche que dista 15 km da Veiga, desde aquí accedemos pola pista forestal até O Fial, continuando despois polo carreiro que leva directamente á lagoa.

Accesibilidade:

Pódese acceder en todoterreo pola pista forestal, e logo hai que continuar un tramo a pé.

A Lenda

 

Tódalas noites de San Xoán, ó mencer e antes de que saia o sol, aparece sentada nunha rocha lamida polas augas da lagoa, unha fermosa doncela de longos cabelos de cor acibeche que peitea mansamente.
A doncela está triste e lacrimosa, leva infinidade de anos aparecendo no mesmo lugar a espera dun “mozo solteiro” que se arrisque a liberala do seu encantamento.
Contan que fai bastante tempo, prestouse voluntario un mozo do pobo de Xares, co gallo de facerse rico desencantando a fermosa doncela e, con este fin, na noite de San Xoán achegouse á lagoa a falar coa doncela, establecéndose a seguinte conversa.
-Mira Pepe: Sei que es valente e arriscado e polo tanto vou confiar en ti. Cando saia o sol desaparecerei desta pedra e convertereime en serpe. Atravesarei a lagoa e cando me achegue a ti deberás cuspirme na boca que traerei aberta, e entón volverei a ser o que son agora. Se non te atreves, vaite, xa que logo non sufrirei….
-Mira muller, contéstalle Pepe: son un home probado e non teño medo, e se veño ata aquí e para desencantarte e casarme contigo.
-Ese será o premio que terá aquel que sexa quén de romper o feitizo, así coma grandes riquezas que atesouro despois de moitos anos, e tamén o reino que me corresponde.
Neste tempo comeza a destellar o sol, desaparece a doncela e aparece unha grande serpe que cos seus asubíos “facía tremer O Teso”…. O que arrepiou a Pepe que fuxe desaborido sen atreverse a desencantar á doncela ….
Vídeo

Fonte: Turismo de Ourense

Comparte!!!

Relacionados