O Concello de Pontevedra iniciou hai uns días traballos intensivos de mantemento nos areeiros do municipio para que estean en boas condicións de uso de cara ao período estival.
A praia fluvial do Lérez, a de Ponte Sampaio e tamén a de Praceres reciben estes días aos servizos municipais para facer labores de limpeza, achega de area, retirada de algas, reposición ou reparación de mobiliario urbano e de praia… Ademais, nos vindeiros días incorporaranse os socorristas ás praias do Lérez e Ponte Sampaio, que realizarán o control de ambos areeiros até primeiros de setembro.
Na praia fluvial do Lérez, o Concello realiza labores de mantemento en relación a limpeza, reparación ou reposición de mobiliario urbano segundo o caso, e traballos de xardinería. O servizo de socorrismo comezará o vindeiro 24 de xuño e prolongarase até o 10 de setembro. Haberá un socorrista todas as mañás, e polas tardes reforzarase o servizo con outro profesional máis nos meses de xullo e agosto. O horario deste servizo será de 12.30 a 20.30 horas ininterrompidamente.
Hai que lembrar que o Concello iniciou a contratación dunha mellora substancial do areeiro da praia do Lérez, un proxecto que supera os 230.000 euros e que se executará para a vindeira tempada estival. Esta obra suporá a retirada da area e da capa xeotéxtil que a protexe dos lodos do río; porase unha nova capa, con novas prestacións, e volverá a reporse toda a area.
Paralelamente está en proceso de adxudicación da concesión do quiosco da praia por cinco anos. O período de duración da concesión será do 1 de xuño até o 30 de setembro, así como todos os domingos, festivos e sábados dos seguintes períodos: desde o 1 de xaneiro ata o 10 de xaneiro, desde o 1 de abril ata o 31 de maio e desde o día 15 de decembro ata o día 31 de decembro.
Este é unha prestación moi demandada polos cada vez máis usuarios da praia fluvial nas tardes de calor.
Ponte Sampaio e Lourizán
No areeiro de Ponte Sampaio, tamén se realizarán traballos de limpeza e mantemento tanto na praia como na zona de lecer da Xunqueira, ademais de achega de area. No caso do servizo de socorrismo está contratado á Cruz Vermella, e será de dous profesionais nas fins de semana e nos días festivos. Dende o 17 de xuño até o 10 de setembro, en igual horario que no da praia fluvial do Lérez.
Na praia de Praceres xa comezou esta semana o habitual zafarrancho de limpeza, mantemento, reparación ou reposición do mobiliario urbano, e tamén a retirada de algas. Cabe lembrar que esta praia, pola súa situación, acumula moitas algas polo que está acordada a súa retirada cada dúas ou tres semanas, en función do estado do areeiro. Tamén está previsto facer un aporte de area nestes días.