Programación Marzo Cineclube Pontevedra

MARTES 12 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

O LIBRO DE IMAXES

Jean-Luc Godard, 2018, 90 min., VOSG
Idioma orixinal: Francés, inglés, árabe, italiano, alemán
Filme subtitulado ao galego por Numax Coop. grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Nada agás silencio. Nada agás unha canción revolucionaria. Unha historia en cinco capítulos, como os cinco dedos dunha man.

O libro de imaxes é o último traballo de Jean-Luc Godard e foi merecedor da Palma de Ouro Especial en Cannes 2018. É ao tempo unha reflexión nostálxica e literaria, máis filosófica ca política, sobre o mundo que nos rodea, sobre as guerras, a violencia, o mundo árabe, sobre Europa á deriva…


MARTES 19 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

HIGH LIFE

Claire Denis, 2018, 110 min., VOSE
Idioma orixinal: Inglés

Espazo profundo. Monte e mais a súa filla Willow viven completamente illados a bordo dunha nave espacial. Non sempre estiveron sós: eran parte dun grupo de condenados a morte que aceptaron conmutar as súas sentenzas por participar nunha misión con destino ao buraco negro máis próximo á Terra.

High Life é unha obra existencialista asinada pola directora de culto Claire Denis. A cineasta irrompe no xénero sen freos nin concesións coa axuda dun elenco de actores e actrices internacionais en estado de graza. Moito máis ca ciencia-ficción.


 

MARTES 26 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

EN TRÁNSITO

Christian Petzold, 2018, 101 min., VOSE
Lingua: Francés e alemán

Segunda Guerra Mundial. En Marsella, persoas refuxiadas de toda Europa embarcan rumbo a América, fuxindo da ocupación nazi. Entre elas, o mozo alemán Georg suplanta a identidade dun escritor morto para utilizar o seu visado, que lle garante refuxio en México. En Marsella namora de Marie, unha moza que busca desesperadamente o home que ama, sen o que non está disposta a marchar…

Christian Petzold converte esta historia nun potente artefacto político que conecta, co seu habitual talento narrativo, a figura da persoa refuxiada co tempo presente.

Comparte!!!

Relacionados