A xunta de goberno local do Concello de Ourense, constituída esta mesma mañá, aprobou os seus primeiros acordos nunha sesión extraordinaria e urxente celebrada ás 12:30 horas que tiña como finalidade completar trámites necesarios para a realización das Festas de Ourense 2019. Concretamente, aprobou a contratación dos grupos Marea e Izal, así como da cantante Aitana, que actuarán na explanada de Expourense os días 27, 28 e 29 de xuño respectivamente.
Na mesma sesión, a xunta de goberno local aprobou a adxudicación da subministración, en réxime de alugueiro, das infraestruturas e escenarios necesarios para a o desenvolvemento das festas por un importe total de 81.536,39 euros. Tamén se adxudicaron os contratos de subministración -en réxime de alugueiro- dos equipos de son e iluminación de medios auxiliares para a realización dos concertos das festas por importe de 32.374,04 euros.
Previamente, ás 12:00 horas, tivo lugar a sesión constitutiva da xunta de goberno local, que estará formada polo alcalde e catro concelleiros do grupo municipal de Democracia Ourensana, e cinco concelleiros do Partido Popular: Armando Ojea Bouzo, Ana Isabel Rebanales Rodríguez, María Teresa Rodríguez Garrido e José Miguel Caride Domínguez, por parte de DO, e Eugenia Díaz Abella, Flora Moure Iglesias, Jorge Pumar Tesouro, Ana María Fernández Morenza e Sonia Ogando Vázquez, por parte do PP.