Técnicos do Servizo intermunicipal de recollida de lixo do Gran Porto achéganse a Pontevedra para coñecer os composteiros comunitarios

Unha vintena de técnicos e responsábeis do LIPOR, o servizo intermunicipalizado de xestión de residuos do Gran Porto, está na cidade para coñecer “in situ” a experiencia dos composteiros comunitarios. No seu percorrido polos centros de compostaxe instalados en Eduardo Pondal, A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleiro estiveron acompañados polos técnicos municipais e provinciais que están ao fronte da implantación e seguimento do proxecto.

A concelleira responsable de Servizos, Carme da Silva, intercambiou impresións cos integrantes da delegación lusa, moi interesados en ter información polo miúdo do sistema alternativo de recollida e tratamento de residuos orgánicos que se está implementando en Pontevedra e no conxunto da provincia. Un sistema “novidoso, eficiente e ben acollido pola veciñanza” subliñou a concelleira.

O LIPOR recolle, valoriza e trata os residuos urbanos de oito concellos do chamado Gran Porto: ademais da capital do Douro os de Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Valongo, Vila do Conde, que suman arredor de 1 millón de habitantes. Tratan unha media de 500.000 toneladas de residuos anuais

Na entidade coñecen o traballo realizado ao abeiro do Plan Revitaliza, porén quixeron dar un paso máis e decidiron achegarse a Pontevedra para ver o funcionamento dos composteiros comunitarios xa que están na busca dun sistema complementario ao seu método de recollida de lixo orgánica. Entenden que os centros de compostaxe comunitaria poden ser unha alternativa real á recollida diaria en zonas máis afastadas dos centros urbanos.

Comparte!!!

Relacionados