O Pavillón de Oira acollerá o 6 e o 7 de abril a primeira edición de Market&Merka. Ourense

O Pavillón de Oira acollerá os días 6 e 7 de abril a primeira edición de Market&Merka, unha actividade organizada pola asociación Comercio Vivo Ourense en colaboración do Concello, que contará coa participación dunha trintena de negocios da nosa cidade. Ademais da oportunidade de facer compras a prezos mínimos, os asistentes poderán gozar de actividades para a cativada, música en directo e  sesión vermú.

Para o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, esta cita comercial “é  unha oportunidade fantástica para apoiar ao noso comercio local, porque mercar en Ourense é xerar emprego e riqueza na nosa cidade”.

Así o sinalou durante a presentación oficial desta actividade, que tivo lugar no Salón de Plenos e que contou coa participación da concelleira de Comercio, Flora Moure; así como da presidenta e vicepresidenta de Comercio Vivo Ourense, Sandra Ferro e Susana Castro, respectivamente.

A actividade terá lugar o sábado e o domingo, entre as 11:00 e as 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Os asistentes poderán mercar produtos de stock, de tendas de modas, complementos, roupa infantil, zapaterías, mercerías, abalos, etc. Pero ademais, nesta primeira edición terán un especial protagonismo as actividades paralelas.

Actividades paralelas

Ademais das actividades infantís, contarase coa música dun dj, e haberá espazos para descubrir os produtos gourmet da nosa gastronomía. A Asociación Amencer contará cun posto informativo e realizará actividades o sábado de 18:00 a 20:00 horas.  E para non descoidar a saúde, a Asociación Diabética Auria contará con outro stand.

“Tratarase dunha experiencia pioneira, cun formato que está a ter moito éxito na actualidade: as Pop Ups ou tendas efémeras”, explicou o rexedor Jesús Vázquez.

O alcalde de Ourense invitou a cidadanía a participar nunha cita comercial que ademais de apostar polo tecido local suporá unha oportunidade de “atopar produtos de primeira calidade” e para gozar “dun xeito de vida como só nós sabemos, estando na rúa e de compras coa familia e cos amigos”.

A presidenta de Comercio Vivo, Sandra Ferro, confirmou que os asistentes “poderán mercar primeiras marcas con rebaixas que mesmo poden estar por debaixo do prezo de custo”.

Comparte!!!

Relacionados