Castelo de Todea no xacemento altomedieval de San Salvador dos Penedos. Allariz

Foto: Concello de Allariz

Desde o ano 2016 o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo desenvolve o Proxecto Sancti Salvatoris co obxectivo de estudar e valorizar o xacemento altomedieval de San Salvador dos Penedos, no concello ourensán de Allariz. Coñecido nos mapas como Castelo de Mouresiños e polos veciños e veciñas como Castelo do Malpaso, os últimos traballos realizados permitiron ás e aos investigadores localizar o nome orixinal e histórico da construción e as primeiras referencias históricas a el, que datan de 1433, e bocexar a súa estrutura e características. Estaríamos ante o Castelo de San Salvador de Todea, un pequeno castelo medieval de control do territorio e de vía de paso entre o val do Limia e o val do Arnoia.

O proxecto, desenvolvido polas e polo investigador do Geaat Patricia Valle, Alba A. Rodríguez e Adolfo Fernández, acadou estes tres anos financiamento da convocatoria a proxectos de investigación Inou, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación de Ourense, contando ademais co apoio do Concello de Allariz, que achegou medios humanos e técnicos. “O Castelo de San Salvador de Todea é un xacemento moi interesante. É un dos típicos castelos galegos pequenos dos que non sabemos case nada porque case non hai ningún escavado. Este proxecto achéganos a como funcionaban estes pequenos castelos na Galicia medieval, a cal era a súa estrutura, que funcións tiñan, etc”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto.

A intervención e o estudo, aínda en curso, levados a cabo no Castelo de Todea, explica o investigador, “sacaron á luz un elemento arqueolóxico de innegable valor, os restos dun castelo medieval ata agora descoñecido. A existencia de estruturas baixo a terra é de gran valor xa que podemos recuperar unha enorme cantidade de restos materiais e recuperar os datos cronoestratigráficos, algo que soe ser pouco habitual neste tipo de xacementos onde apenas se conservan negativos de estruturas nos penedos”, di Adolfo Fernández. Froito do traballo realizado na zona, as persoas que se achegan ata o enclave poden ver dúas zonas diferenciadas: unha plataforma inferior, con dúas tumbas escavadas na rocha e unha serie de rebaixes na rocha; e unha plataforma superior onde se localizan os restos do castelo propiamente dito.

Resultados da última campaña

A última intervención na zona, apunta Adolfo Fernández, tivo lugar nos meses de outubro e novembro de 2018, e consistiu na realización dunha sondaxe de 2,5 m que “deixou patente a potencia estratigráfica” do enclave e permitiu recuperar mostras para afinar a cronoloxía do sitio. “Os resultados foron satisfactorios xa que se documentou unha secuencia ocupacional completa no interior do castelo recuperándose abundante material moble, especialmente cerámicas e ósos de animais. Ademais, recuperáronse varias mostras de carbóns para a súa datación e un pequeno pero importante conxunto de ostras, pouco habituais en contextos de interior”, comenta o historiador.

Porén, subliña Adolfo Fernández, onde se “conseguíronse grandes avances” na última fase do proxecto desenvolvida foi na análise histórica. O primeiro deles, indica, foi localizar na documentación histórica por primeira vez o nome do castelo, referencias a algún dos seus tenentes ou propietarios, e localizar a terra pertencente ao castelo, que estaría ao sur-oeste do castelo, cara Rairíz de Veiga. “Grazas ao estudo documental levado a cabo por Francisco Javier Pérez, podemos coñecer o verdadeiro nome do castelo en época pleno medieval. Nun documento de 1247 onde se acordan pagos de dezmos entre os párrocos de Allariz, aparece referenciado Sacti Salvatoris de Todea nos límites da parroquia de Santiago de Allariz. Este documento non nos fala do castelo pero apúntanos directamente ao nome desa zona como San Salvador de Tudea”, comentan desde o proxecto. Hai que esperar, indican, a un documento de 1433 para que apareza, esta vez si, o castelo baixo a acepción de “castelo de Tudea” en San Salvador de Tudea.

Ademais do nome real do castelo, o traballo realizado a partir dos datos recadados nas intervencións, explican os responsables do proxecto, permiten “ter xa definida toda a planta do castelo, sabemos xa como era a súa estrutura”. Así, detalla Adolfo Fernández, o Castelo de San Salvador de Todea sería “un castelo pequeno, duns 700 ou 800 metros cadrados, nun promontorio bastante abrupto entre dous ríos, de difícil acceso. Ten unha estrutura amurallada, logo unha especie de zona onde había estancias para persoas e animais e outro pequeno recinto interior de patio de armas. Por último, na parte central do castelo, no punto máis elevado, está unha torre da homenaxe”. Sobre a súa ocupación, os investigadores sinalan que aínda que inicialmente estimaron que o inicio da súa ocupación foi nos séculos IX-X teñen dúbidas polo que están pendentes das probas de carbono 14, reafirmando que o seu abandono foi a finais do século XIII.

A relación co territorio

Sobre a función do castelo, as e o investigador do proxecto sinalan como “chama a atención a relación visual existente entre o Castelo de Todea e o Castelo de Allariz”. Ambas fortificacións, comentan, atópanse practicamente en liña respecto ao río e a uns tres quilómetros de distancia. “Puidemos comprobar a existente intervisibilidade entre elas. Poderían ser complementarias e estar formando parte dunha rede de control territorial no val de Arnoia”, indican. Coa visibilidade, detallan, púidose apreciar que o control visual de San Salvador oriéntase claramente cara o noroeste, sendo o castelo visible desde gran cantidade de puntos do terreo que se atopa na súa contorna. “Por tanto, mantemos a hipótese de que o castelo foi construído para ver e ser visto, cun obxectivo de monumentalidade”, sinalan as e o investigador. Ademais, engaden, superpoñer o cálculo de visibilidade ao das rutas “permite ver que existe un control visual sobre algunha destas zonas de paso e que en último termo nos leva a propor a hipótese de que o castelo atopábase emprazado co obxectivo de controlar certas rutas ou vías de paso”.

Co obxectivo de avanzar na comprensión desta función, a última campaña de campo tamén incluíu o estudo do territorio do val medio do río Arnoia, realizando visitas e prospección do territorio co obxectivo de localizar, xeorreferenciar e rexistrar restos arqueolóxicos de época alto medieval, do tempo estimado do castelo. “Na súa maioría localizáronse tumbas e castelos/igrexas ata un total de 22 sitios que foron xeorrefrenciados e relacionados co Castelo de Todea a través dunha análise de información xeográfica”, di Adolfo Fernández. Este estudo céntrase no tramo medio do río Arnoia, que discorre polos actuais concello de Allariz, Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas, “unha zona que foi ocupada de maneira intensa desde a época romana e posteriormente na Idade Media”.

Trala realización da última intervención arqueolóxica, que incluíu accións de conservación e restauración dos restos exhumados e actuacións sobre muros descubertos en campañas anteriores, os abundantes materiais arqueolóxicos recuperados están sendo actualmente procesados no laboratorio e logo serán estudados para a súa publicación e depósito no Museo Arqueolóxico de Ourense. Igualmente, os datos estratigráficos e planimetrías e os datos da prospección están sendo interpretados.

Comparte!!!

Relacionados