O salón de plenos do Concello de Allariz acollerá, hoxe ás 11:30h, a primeira sesión do consello de nenos e nenas.
Nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria do Colexio Padre Feijóo de Allariz, dous por aula, formarán xunto coas vogalías de adultos/as o Consello de nenos e nenas da localidade. Escoitarán, proporán e discutirán sobre asuntos que afectan á infancia e difundirán as novas ao resto de compañeiros e compañeiras.
O primeiro consello terá lugar mañá cuxa orde do día centrarase na mobilidade no tramo de acceso ao Colexio Padre Feijóo e o deseño do futuro parque no Monte Xardín con elementos natureza.
O Consello Municipal de nenos e nenas será un espazo participativo, de carácter consultivo, informativo e de representación da infancia de Allariz. Será un mecanismo para a colaboración nas accións e políticas municipais en asuntos que afecten directamente a este colectivo, e polo tanto á sociedade. Debe converterse nunha ferramenta útil para a implicación das nenas e nenos na toma de decisión das cuestións públicas.
Reuniranse, con carácter ordinario, polo menos dúas veces ao ano, coa fin de seguir mellorando Allariz, ofrecendo á infancia unha canle de participación veciñal para trasladar as súas necesidade.
Estará composto, xunto coas vogalías infantís, pola alcaldesa Cristina Cid, como presidenta, a secretaría que será encargado a persoal municipal e a vogalía de adultos formadas por persoal técnico e responsables de áreas municipais: Tenente de Alcalde e responsable de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, arquitecta municipal, concelleira responsable de Benestar Social, educadora familiar, o xefe da Policía Local e o coordinador de protección civil.