Nova Web de turismo do Concello de Allariz

Allariz dispón dende hoxe na dirección www.allariz.gal/turismo dunha nova web, impulsada polo concello, coa fin de facilitar a navegación e o coñecemento dos atractivos turísticos da localidade.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid acompañada do técnico informático e a área de promoción económica municipal presentaron  a nova web, unha páxina máis moderna e accesible aos usuarios e usuarias do portal que conta con toda a información para chegar, vivir e visitar Allariz.

O portal de turismo vén a completar o sitio allariz.gal, composto por outras dúas microsites dedicadas á administración e sede electrónica para efectuar trámites on line, e o segundo dedicado ás novas sobre todos os asuntos de relevancia local así como a sección axenda conformada por actividades e eventos de tipo cultural, deportivo ou lúdico.

www.allariz.gal/turismo inclúe todos os contidos de interese para os visitantes a través de tres pasos: Vén, no que as persoas usuarias atoparán o xeito de chegar a Allariz e mesmo onde aloxarse ou comer; Vive, onde se explican os mellores plans para facer durante a estadía na localidade, en parella, en familia, en solitario ou en grupo; e o apartado Visita con algunhas das razóns para visitar Allariz, como a súa paisaxe, a cultura, o patrimonio ou a gastronomía, entre outras sorpresas. Por último un enlace á o Oficina de Turismo a través do que se pode contactar cos técnicos directamente.

A nova páxina reflicte de xeito simple e, sobre todo, visual, os atractivos de Allariz seguindo a premisa de que  “unha imaxe vale máis que mil palabras” e deixa aos usuarios coas ganas de achegarse a coñecer o concello.

Grazas ao deseño empregado, a páxina resulta máis accesible e de sinxela navegación, sen esquecer que se pode entrar con toda comodidade dende calquera dispositivo, sexa móbil, tablet ou ordenador. Ademais a web enlaza coas redes sociais da administración, principalmente facebook e twitter.

Comparte!!!

Relacionados