‣ O tema de debate: Hai racismo e xenofobia en Galiza
‣ A cita terá lugar no Pazo da Cultura o vindeiro mércores 13 de
marzo.
‣ Os equipos son dos IES Valle Inclán (2), Sánchez Cantón (2) e Luís Seoane de Pontevedra; do IES Mendiño de Redondela e do Colexio San Narciso de Marín
O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro mércores 13 de marzo, dende as 9.30 horas da mañá e ao longo de todo o día, a primeira fase de zona do Club de Debate. Participarán 7 equipos de 3o e 4o de ESO e 1o de Bacharelato dos IES Valle Inclán, Sánchez Cantón e Luís Seoane de Pontevedra, do IES Mendiño de Redondela e do Colexio San Narciso de Marín. O tema de do debate: Hai racismo e xenofobia en Galiza
Cada equipo participará en dous debates; nun defenderán argumentos a favor e noutro argumentos en contra do tema
O Club de Debate é un programa que organizan o Concello de Pontevedra e dez concellos máis, a través das concellarías de Normalización Lingüística co fin de promover o uso da lingua galega entre a mocidade.
Os obxectivos do Club de Debate son: favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.
O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá un vale de 500 euros para mercar libros e/ ou banda deseñada en galego, un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao para ter exposto no IES ata o vindeiro Club de Debate) e o acceso á final. O segundo clasificado recibirá un vale de 300 euros para mercar libros e/ou banda deseñada en galego e o acceso á final.