Longa e intensa sesión de traballo do comité de dirección do Campionato Mundial de Balonmán Junior Masculino. Pontevedra

Un novo evento deportivo de carácter internacional, o Campionato Mundial de Balonmán Junior Masculino pon de novo o foco en Pontevedra, unha das dúas sedes que terá a competición que se vai a desenvolver do 16 ao 28 de xullo. A outra é Vigo.

A pouco máis de dous meses, os traballos organizativos gañan en intensidade. Hoxe o comité de dirección do campionato mantivo unha longa reunión de traballo no Pazo Provincial, na que estiveron en representación da Boa Vila: a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro e o xefe do servizo municipal de Deportes, Jaime Agulló.

No encontro tamén estiveron, en nome de Vigo: o concelleiro de Deportes, Manuel Fernández e o técnico Rubén Peña e por parte da institución anfitrioa da reunión, a Deputación Provincial, a deputada Chelo Besada e os técnicos José Covelo e Paula Fernández. Polo lado federativo estiveron presentes o director do Mundial, Jaume Fort; o director xeral da Federación Española de Balonmán, Jesús Ludeña e presidente da Federación Galega, Bruno López.

Nesta longa reunión técnica abordáronse distintas cuestións organizativas: a imaxe, aspectos loxísticos, voluntariado, orzamento, instalacións… As conclusións serán trasladadas ao comité organizador do Campionato Mundial de Balonmán Junior que terá que dicir si, ou modificar, os consensos acadados na sesión de traballo de hoxe.

Serán 24 as seleccións que participarán no mundial. Todas elas mirarán cara a Pontevedra o vindeiro 21 de maio, día do sorteo da fase final do campionato. O sorteo terá lugar ao mediodía no Pazo Provincial.

Comparte!!!

Relacionados