Xirakarting no Parque Barbaña esta fin de semana. Ourense

A paixón do motor volve esta fin de semana a Ourense da man da décimo terceira edición do Xirakárting, un evento destinado ao público familiar e que, do 5 ao 7 de abril, quere facer gozar do pracer de conducir nun circuíto pechado e inocular nos máis cativos a paixón polo deporte das catro rodas.

“Unha paixón que, aos poucos, está xestando toda unha xeración de novos pilotos”, afirmaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación do evento. “Pilotos en masculino e feminino, pois este evento é parte do traballo para a visibilización, fomento e normalización das mulleres no motor, de competir en igualdade”, dixo.

O automobilismo galego leva varios anos copando os títulos nacionais de ralis, e o kárting é a modalidade por excelencia de formación de pilotos: adoita ser o primeiro automóbil no que debutan os aspirantes a pilotos de competición. Así pois, o xirakárting pretende combinar o lecer familiar e a práctica dun deporte pouco usual na contorna urbana. Pódese participar desde os 3 anos, sempre baixo a supervisión dun adulto, desde os 8 en kart infantil e desde os 13 en monopraza de adulto.

O lugar elixido é o Parque Barbaña, un emprazamento de case 2000 metros cadrados de superficie, céntrico e accesible desde calquera lugar, no que durante toda a fin de semana estarán a disposición dos ourensáns diferentes modelos de karts en función das idades e destrezas dos participantes. De feito, os novos modelos de karts están perfectamente adaptados ás novas normativas de seguridade e de emisións de CO2, en palabras de Raquel González, organizadora do evento.

O xirakarting é un evento que viaxará por toda Galicia despois de Ourense: Lugo, Vigo e A Coruña son as vindeiras paradas.

O horario, de venres a domingo, será de 12:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 21:30 horas. O principal patrocinador, GADISA, repartirá 3.000 invitacións nos diferentes establecementos da provincia para este evento.

Comparte!!!

Relacionados